Mariña, Ribeira Sacra, Salnés e Valdeorras rexeitan a supresión das súas áreas sanitarias

Concentración en Burela en 2013 contra a supresión da área sanitaria.

A teimosía do Partido Popular en suprimir as áreas sanitarias da Mariña, Ribeira Sacra, Salnés e Valdeorras está a atopar unha resposta decidida das veciñas e dos veciños destas comarcas.

Un bo exemplo da resposta cidadá é o número alegacións presentadas ao anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza malia que o período de exposición pública limitouse a quince días e desenvolveuse entre o 2 e o 15 de agosto, isto é, en plenas vacacións de verán, o que espella o intento da Xunta de Galiza por agochar a tramitación do documento. A federación da sanidade da CIG, organización maioritaria do sector, e as xuntas de persoal das zonas afectadas foron os impulsores dunha iniciativa que serviu para dar a voz de alarma sobre o acontecido e abrir o camiño para organizar unha contestación máis decidida. Á demanda dos colectivos sanitarios ou das organizacións políticas da oposició -o BNG e o PSOE xa tiñan solicitado a retirada do anteproxecto no parlamento de Galiza- sumáselle agora a de boa parte das entidades locais dos concellos afectados, que xa teñen convocado plenos extraordinarios para expresaren o seu rexeitamento á reforma.

 

A CIG considera que  a solución para atender o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica non pode pasar por afastar os servizos sanitarios das persoas

 

A alegación promovida pola federación da sanidade da CIG, á que se sumaron máis de 1000 particulares, sinala que o desmantelamento destas áreas sanitarias é contrario aos principios recollidos na Lei Xeral de Sanidade, que recolle que se crearán as áreas de saúde tendo en conta os factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación”. Ao tempo, desde o sindicato nacionalista indican que “a Consellaría de Sanidade debería utilizar este anteproxecto para vincular as xerencias coas áreas sanitarias, e crear as Áreas de Barbanza, Verín e Cee, para xestionar os centros hospitalarios de forma integrada coa súa primaria. E non para eliminar as actuais áreas sanitarias”. Neste sentido, a organización sindical amósase moi dura co modelo defendido pola Xunta de Galiza, sendo que “só teñen en conta criterios economicistas e de negocio para elaborar o seu mapa sanitario”, ao tempo que engaden que a soluciónpara atender o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica non pode pasar por afastar os servizos sanitarios das persoas”.

 

As diversas asembleas celebradas polos traballadores da sanidade e polos alcaldes do Salnés serviron xa para concretar as primeiras actuacións de protesta contra esta proposta. Nunha xuntanza realizada o 17 de agosto, acordaron a colocación de faixas reivindicativas nos consistorios da comarca co lema "Non á supresión da área sanitaria do Salnés" así como a presentación de mocións nos diversos plenos, sendo os primeiros en as tratar Vilagarcía e Cambados o 31 de agosto. Un día antes, no Barco de Valdeorras, a práctica totalidade das forzas políticas, agás o PP, organizacións sociais e sindicais así como varios concellos, anunciaban o inicio dunha campaña social contra a supresión da área sanitaria. Na mesma liña o Concello do Barco, coa abstención do Partido Popular, aprobaba unha resolución na que se demandaba a “retirada do anteproxecto de lei de modificación da Lei 8/2008 do 10 de xullo de saúde de Galicia” e a creación dun grupo de traballo "para determinar as posibles necesidades de modificación da lexislación sanitaria. Este grupo de traballo elaborará un informe de conclusións que será de acceso público".

 

A Mariña non fica atrás nesta vaga de rexeitamentos que se estende polo país. Aos posicionamentos iniciais do BNG, PSOE e CIG  sumáselle agora a xunta de persoal do Hospital da Costa, dirixida pola CIG, ou a Mancomunidade da Mariña, presidida polo alcalde socialista de Burela Alfredo Llano, que chamou á constitución dun grupo de traballo para facer fronte a esta situación. Até o momento só o Partido Popular, primeiramente a medio da súa presidenta provincial Elena Candia e posteriormente do deputado Daniel Vega, mostrou comprensión diante da proposta da Xunta de Galiza. Outro tanto acontece na Ribeira Sacra, e de xeito moi particular en Monforte onde se localiza o hospital na zona, focalizándose a protesta na esfera social e a institucional. Se a xunta de persoal da área sanitaria xa expresou a súa oposición á reforma, nos próximos días será o pleno de Monforte o que saque adiante unha moción para expresar a súa negativa ao mesmo, aspecto que xa ten criticado a portavoz das populares en Monforte.

 

A opinión da poboación das comarcas afectadas comeza a preocupar aos dirixentes locais do PP até o punto de que nalgunhas localidades non apoiaran a posición da Xunta de Galiza

 

A esta altura ninguén dúbida que o Partido Popular vai defrontar un novo outono quente na sanidade galega. Tanto é así que o estado de opinión da poboación das comarcas afectadas comeza a preocupar aos dirixentes locais do PP até o punto de que nalgunhas localidades os populares non apoiaran a posición da Xunta de Galiza. O nervosismo tamén e visíbel nos dirixentes provinciais e nos cargos orgánicos do partido que teñen moi presentes as consecuencias destas mobilizacións nos resultados das pasadas eleccións locais e que son conscientes das dificultades que esta decisión vai provocar no proceso de conformación das candidaturas para as vindeiras eleccións locais. Precisamente no comité provincial do PP de Lugo xa saltaron as alarmas, coñecedores do definitivo que vai ser este tema en dúas zonas da provincia cuxos resultados son centrais para conformar o próximo goberno da Deputación, cuestión da que depende o futuro político de Elena Candia e da súa equipa de dirección. Non é casual logo, que algunhas das persoas máis próximas á presidenta provincial do PP sexan as que máis teñen criticado a posición da Xunta sobre este tema.

 

A opinión da poboación das comarcas afectadas comeza a preocupar aos dirixentes locais do PP até o punto de que nalgunhas localidades non apoiaran a posición da Xunta de Galiza.