A Mariña Mercante intenta controlar unha vertedura de fuel na ría de Arousa

Imaxe do operativo da Xunta na zona. (Foto: Consellaría do Mar)

A extensión desta mancha, segundo informa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, é de 15 campos de fútbol. Estase a investigar a orixe deste suceso, que hai unhas horas non parecía máis grande que un sentinazo (o resultado da limpeza irregular das cubas no mar) dunha embarcación.

A Xunta da Galiza e a Dirección Xeral da Mariña Mercante traballan conxuntamente para intentar conter e limpar unha vertedura de fuel aparecida no entorno da ría de Arousa.

Após que a Consellaría do Mar se limitase a remitir unhas fotos dun operativo de control no que aparentemente era unha pequena fuga de fuel, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de advertir de que están a traballar para limpar unha mancha dunha extensión similar a 15 campos de fútbol.

Os restos de combustíbel foron descubertos ás 14 horas desde o avión Sasemar 102, cando facía traballos de recoñecemento pola zona. A estas alturas xa se ten implicado a Mariña Mercante e a Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, que investiga a orixe do suceso.

Na zona estiveron a traballar a embarcación de salvamento Don Inda, así como a Salvamar Sargadelos. Tamén se desprazaron ao lugar -situado entre Ribeira e a illa da Rúa- os Gardacostas co Irmáns García Nodal.

A intención dos traballos é controlar e limpar o mar, mais sobre todo evitar que a contaminación chegue ao litoral. Para isto, activouse o Plan Marítimo Nacional de resposta ante a contaminación marina.

Galiza atópase en fase de emerxencia 1 segundo as autoridades estatais, aínda que a Xunta tamén iniciou o seu plan de actuación de nivel medio após detectar a mancha. Segundo as últimas informacións mide sobre 1.500 metros por 400 metros.

Xusto a última hora desta tarde, xa no anoitecer, instaláronse medidas de contención específicas ao tempo que se fan as investigacións precisas para dar coa orixe do derrame “mediante a análise da mancha, a súa situación e tipoloxía”.

Pola noite seguirá activo o dispositivo de limpeza, mais as operacións de recollida do fuel quedarán paralizadas até o amencer.