A Mariña e Lemos maniféstanse contra o desmantelamento das súas Áreas sanitarias

Asemblea na casa de cultura de Monforte contra a centralización sanitaria

As protestas contra a supresión das áreas sanitarias d´A Mariña, Monforte de Lemos, Valdeorras e O Salnés toman as rúas.

A quinta feira 28 de setembro varios miles de persoas marcharon por Vilagarcía, nunha das máis grandes manifestacións da historia da cidade e que mesmo superou en asistencia á realizada en defensa da ampliación do hospital do Salnés, para esixir a paralización das modificacións que se pretenden introducir na Lei da Saúde de Galiza. Dous días máis tarde, neste caso na localidade d´O Barco, eran os veciños da comarca de Valdeorras os que protagonizaban outra mobilización histórica, cunha participación de máis de 7000 persoas. Nun e noutro caso, os organizadores denunciaron a proposta lexislativa do goberno Feijóo: "A respeito dos actuais hospitais comarcais, nada se di das súas carteira de servizos, dos seus niveis de estruturas técnicas que deben alcanzar, persoais para o seu funcionamento con eficiencia e calidade, nada se di sobre circuítos e mapa de derivacións segundo patoloxías e a súa carteira de servizos”.

 

Burela acollerá esta quinta feira 5 de outubro a mobilización dos veciños da Mariña. A marcha sairá ás 20:00 h de diante do hospital da Costa e percorrerá as rúas da vila para rematar diante da praza do Concello, nunha manifestación na que os organizadores, agardan superar a participación dos protestos decorridos en 2011 e 2012. Unha mostra do estado de opinión na comarca son as asembleas informativas habidas en diversas localidades da mesma nas últimas semanas, así como as concentracións que se veñen desenvolvendo todas as cuartas ferias diante dos centros de saúde e do hospital comarcal, neste caso cun protagonismo destacado da comunidade sanitaria. Os intentos do PP por impedir estas convocatorias non deron os resultados agardados, malia aos intentos de amedrentar a poboación coa presenza da Guarda Civil ou identificando os concentrados. Ao tempo, diversos plenos da comarca, como Ribadeo, Burela, Viveiro ou Valadouro, expresaron o seu rexeitamento perante as medidas da Xunta de Galiza e outros, como Foz, Trabada, Lourenzá, Alfoz ou Ourol expresarano nos próximos días.

 

Unha mostra do estado de opinión na comarca son as asembleas informativas habidas en diversas localidades

 

O 8 de outubro tócalle a Monforte de Lemos. A rúas da capital da Ribeira Sacra, a cidade que en 2013 rexistrou o protesto máis masivo contra a centralización sanitaria, serán tomadas de novos pola veciñanza da comarca, nunha manifestación que partirá ás 17:00 horas do campo de San Antón para dirixirse ao hospital comarcal e, despois de percorrer diversos lugares da vila, rematará na praza da Compañía. A mobilización chega precedida dunha intensa campaña de axitación, con asembleas veciñais masivas, como a realizada o 14 de setembro na casa da cultura de Monforte, actos informativos en diversas localidades afectadas, entre elas A Pobra de Brollón, Pantón ou Ribas de Sil, e concentracións diante dos centros médicos da zona. As explicacións dos dirixentes do Partido Popular sobre as bondades do novo modelo de xestión, tamén neste caso, semellan non convencer a veciñanza da Ribeira Sacra, até o punto de que as máis das veces provocan un efecto contrario ao buscado.

 

As explicacións dos dirixentes do Partido Popular sobre as bondades do novo modelo de xestión, tamén neste caso, semellan non convencer a veciñanza da Ribeira Sacra

 

O sistema galego de saúde xa está a percibir as consecuencias da centralización sanitaria. Se as xentes do Salnés comezan a ser derivados ás clínicas privadas de Pontevedra pola falla de facultativos, na Mariña reduciuse a carteira de servizos, deixando de realizarse operacións de fimose ou de cataratas. Outro tanto acontece no Barco ou Monforte con especialidades que con anterioridade se viñan prestando, aspecto que se vai a agudizar co novo modelo, tal como denuncia desde as plataformas sanitarias, ao sinalar que “vai concentrar os esforzos nos grandes hospitais das grandes cidades”. Ao tempo destacan que “o novo modelo defendido só ten en conta criterios economicistas e de negocio para elaborar o seu mapa sanitario”, denunciando que a soluciónpara atender o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica non pode pasar por afastar os servizos sanitarios das persoas”. Na mesma liña maniféstase a CIG, organización sindical maioritaria entre os traballadores da sanidade, sinalando que o desmantelamento destas áreas sanitarias é contrario aos principios recollidos na Lei Xeral de Sanidade, que recolle que se crearán as áreas de saúde tendo en conta os factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación”.