“Marimachos” e “afeminados”, contidos transfóbicos nun manual da Uned

Extracto do manual.

O Máster en Promoción da Saúde Sexual que ofrece a Uned comprende “contidos nitidamente transfóbicos”. Denúnciao o colectivo galego Avante LGBT+, que advirte de que un dos manuais xustifica a consideración das persoas trans como enfermas.

“A inadaptación a un rol sexual pode ter (...) causas internas subxectivas e neste caso o problema é do individuo e da súa incapacidade para cumprir normas, mesmo moi tolerantes”. Este é un extracto tirado do manual O proceso de sexuación do mestrado en Promoción da Saúde Sexual que imparte a Universidade Nacional a Distancia (Uned). Trátase dun material redactado por Andrés López de la Llave e Pilar Carrillo, ambos os dous profesores e membros da dirección do mestrado.

Denúnciao Avante LGBT+, que responsabiliza os profesores de culpar as persoas LGBT+ “por non amoldarse ás normas que impón a sociedade”. Entre os contidos “nitidamente transfóbicos” atópase a clasificación de persoas en “marimachos, afeminados, travestir e transexuais”, segundo o “grao de inadaptación”. Segundo o colectivo, o manual “defende e xustifica a consideración das persoas trans como enfermas”.

“Estes contidos non só difunden e dan por certa información falsa sobre a sexualidade das persoas LGBT+, senón que pretenden transmitir esta forma de pensar ao estudantado do mestrado, contribuíndo deste xeito a crear futuros profesionais con ideas erradas sobre a sexualidade e identidade das persoas LGBT+, que afectarán a súa práctica profesional”, advirte o colectivo, que entende que o ensino superior, e particularmente a universidade pública, “ten a obriga de transmitir coñecementos baseados en información rigorosa, de tal xeito que o estudantado poida adquirir competencias que permitan pór fin ao ciclo de violencia no que se ve mergullado o colectivo trans en particular, e as persoas LGBT+ en xeral, desde a infancia até a idade adulta”.

Avante esixe a “retirada preventiva do manual como material didáctico”, e a substitución deses contidos por” información veraz que se corresponda co coñecemento actual e coa realidade do colectivo”. Tamén demandan a adopción de medidas por parte do Goberno da universidade contra estes profesores, por “contribuír a perpetuar a ignorancia e a violencia”.

Ademais, para profundar na loita contra a transfobia, e no contexto do Día da Visibilidade Trans, que se celebra o 31 de marzo, a Asemblea Trans de Avante LGBT+ apoia a iniciativa de pendurar nos nosos balcóns bandeiras trans e faixas con mensaxes de apoio ao colectivo.