ESTA QUINTA FEIRA SAE DO PRELO

Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez estrean as súas columnas de opinión no Sermos 183

Continuamos de estreas no novo Sermos. Esta semana inauguramos seccións sobre historia, tecnoloxía e innovación e moda.

A escritora Marilar Aleixandre e o ex portavoz nacional do BNG Guillerme Vázquez estrean as súas columnas de opinión no número 183 do novo Sermos, esta quinta feira nos pontos de venda habituais e nas moradas das persoas asinantes.

Continuamos así a reforzar a sección de Opinión, con máis voces e focaxes. O elenco de columnistas irase a completar nas vindeiras semanas.

Mais alén da opinión, este Sermos vai de estrea. Así, abrimos sección de historia, unha columna mensal baixo o título Do Tempo Pasado, a cargo de Uxío-Breogán Diéguez, e emprestamos tamén atención, coa mesma periodicidade, á tecnoloxía e á innovación, coa nova columna Mapa de Bits, da autoría de Iago Varela.

Carme Vidal, por súa parte, coordenará cada mes unha nova sección, sobre a memoria, con biografías tan insólitas como pouco coñecidas. A primeira entrega -que leva a asinatura da equipa do programa A Memoria das Mulleres do Concello de Pontevedra- vaise debruzar sobre a figura de Amalia Álvarez Gallego.

E volta un clásico do Sermos, a sección de moda de Lola Dopico, desta vez con periodicidade mensal, e co obxectivo de nos descobrir firmas Made in Galiza.