María Vales, Mulleres Salgadas: "Non somos traballadoras de segunda, as mulleres temos que estar na primeira liña do sector pesqueiro"
—Cantas mulleres traballan no mar na Galiza?
Non sabemos cantas mulleres hai no sector pesqueiro porque non existe ningunha estatística oficial. Sabemos cantas traballan no marisqueo a pé pero non cantas se dedican ao resto dos traballos, nas bateas ou embarcadas, por exemplo; por iso insistimos na creación dun observatorio de igualdade do sector pesqueiro. Somos moitas e é importante saber que actividades facemos e en que condicións para poder dar solución aos problemas do mar e das mulleres que o traballan, sobre todo en materia de representación en postos de dirección e toma de decisións.
—En que punto está a súa iniciativa para dar resposta ás necesidades das mulleres do sector?
A nosa proposta aprobouse no Parlamento da Galiza en 2002, pero a Xunta decidiu executala cunha estrutura distinta á que nós consideramos acaída, é dicir, un observatorio independente, integrado por persoal técnico e científico, cun orzamento propio. No canto, decidiu metelo no estatuto da muller rural e do mar, o que non achega garantía ningunha aos nosos intereses xa que todo queda en mans dos de sempre, xente da consellaría, da Confederación de Empresarios e das confrarías.
—As mulleres traballan o mar desde diferentes espazos e con distintos profesionais mais seguen sen acceder a espazos de poder, afirma?
É así. Somos a asociación máis grande de Galiza pero poucas veces non chaman a mesas de negociación ou a espazos onde se toman as decisións. O ano que vén faremos dez anos e falta que a Consellaría do Mar nos reciba por primeira vez malia a ter solicitado varias reunións. Empezamos con Rosa Quintana, pasamos por Vilares e estamos con Marta Vilaverde e aínda ninguén nos chamou.
Por outra parte, de 63 confrarías só hai catro patroas maiores neste momento. Algo está pasando. Queremos cambiar iso. As mulleres temos que coller forza para romper coa negativa que existe en todo o sector do mar e estar en postos de representación. Para iso naceu Mulleres Salgadas. Eu fun patroa maior da confraría de Vilanova durante oito anos e sei como van as cousas e sei que falando podémonos entender. Nós non vimos confrontar con ninguén, senón a loitar polos dereitos das mulleres e a reclamar os sitios que nos corresponden. Non somos traballadoras de segunda. As mulleres temos que estar na primeira liña do sector pesqueiro.
—Leva en Mulleres Salgadas desde a súa fundación e apenas tres días á fronte da nova directiva. Cales son as súas prioridades como presidenta da asociación?
O observatorio de igualdade, a lei de confrarías e o sector bateeiro son as miñas prioridades. A lei de confrarías é do ano 93 e urxe unha revisión en profundidade. Tal e como está redactada non favorece a paridade nin a representación das mulleres nos órganos de dirección. Non pode ser que 250 mariscadoras a pé, mulleres, e 80 embarcacións a flote, homes, teñan mesma representatividade.