Premio Sofía Novoa co seu Traballo de Fin de Grao (TFG)

María Tenorio: "No Brasil obsérvase un peso moi importante do movemento feminista das mulleres negras"

A investigadora trasladouse ao Brasil hai apenas un mes para fixar alí a súa residencia. (Foto: Nós Diario)
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, na Universidade de Vigo (UVigo), María Tenorio foi merecedora do galardón Sofía Novoa de perspectiva de xénero que organiza a Deputación de Pontevedra, polo traballo Miradas cruzadas: unha visión comparada sobre o tratamento informativo da cuarta ola feminista tras a irrupción do movemento #MeToo en España e Brasil: El País e Folha de São Paulo (2017-2018). 

Parabéns polo premio. Que significado lle dá vostede?

Para min o galardón supón un orgullo a nivel persoal, polo recoñecemento do meu traballo e tamén porque desde hai anos acompaño da perspectiva de xénero todas as noticias e todos os estudos e as diferentes iniciativas que movo ou nas que participo nas redes sociais.

Para min é achegar un graíño de area a todos os estudos de xénero e feministas, unha perspectiva comparada do que fun vendo nos diferentes países nos que estiven. En Polonia foi onde caín na conta de que o desenvolvemento dos estudos e do movemento feminista é moi desigual. Xa entre España e Polonia e máis aínda co Brasil. Fiquei moi feliz cando souben a noticia do premio.

Podería explicar en que consistiu esa análise dos medios que levou a cabo?

No Traballo de Fin de Grao (TFG) tento facer unha comparación entre como se desenvolve o movemento “Mee-too” no Estado español e como o fai no Brasil, e tomo como medios de referencia, El País e Folha de São Paulo. Á hora de facer a análise escollín un período de 13 meses para investigar, desde febreiro de 2017 até o mes de marzo de 2018, e traballei con tres propósitos.

Por un lado analizar como foi o inicio dese movemento e comparar o diferente alcance que tivo o 8-M de 2017 fronte ao de 2018, que foi especialmente reivindicativo en España e referencia a nivel mundial. Por outro lado, pretendo demostrar, unha vez máis, o diferente efecto dos movementos feministas nos distintos países.

E, finalmente, isto permíteme reafirmar que incluso as temáticas, o que se fala na propia contorna feminista, é moi diferente, por exemplo, aquí no Brasil obsérvase un peso moi importante do movemento feminista negro e no Estado español ten máis peso o feito da muller traballadora. Isto, se falo do nivel cualitativo, pero no nivel cuantitativo tamén hai diferenza, en El País publícanse moitos máis artigos relacionados co tema feminista, mentres na Folha de São Paulo as cifras son menores.

O traballo realizouno con vistas a participar no Premio Sofía Novoa ou, pola contra, a perspectiva de xénero é unha cuestión sobre a que xa investigaba previamente?  

Nos meus estudos sempre tendín, se a temática do meu traballo era libre, cara ao feminismo, porque é unha cuestión que me esperta moito interese, iso fai que a investigación vaia máis a fondo e que traballe con máis gusto. Esta idea en concreto xurdiume en Polonia, onde estiven de Erasmus hai un tempo, fun por catro meses pero finalmente cursei alí un curso completo.

Nesa estadía tiña que levar a cabo moitos traballos que eran de temática libre e tratábase, unha vez realizados, de expolos cara ao público. En moitas ocasións vía que cando o tema era algo relativo ao feminismo, aínda que fose algo que para min resultase moi básico, a clase para a que expuña non tiña interese no asunto, e cando o mostraba era sobre algunha cuestión moi  concreta, algo que lle resultase novo ou totalmente diferente a como elas e eles o percibían.

Descubrín que o movemento feminista que se estaba a desenvolver en España non tiña nada que ver co que pasaba en Polonia e cando cheguei ao Brasil foi semellante, aínda que era moito máis importante que en Polonia, tiña enfoques moi diferentes, e tendía, sobre todo, cara aos asasinatos, á violencia machista e á encuberta dentro e fóra da casa ou o movemento feminista negro, que aquí é o máis importante.