María Otero Canabal, Premio Franco Grande: "O galego é un idioma plenamente válido para o mundo xurídico"
—Como xurdiu a idea de realizar esta investigación?
Estudei o dobre grao de Dereito e Relacións Laborais e fixen un dos traballos de fin de grao sobre a extinción do contrato nesta relación laboral e o outro sobre a prevención de riscos neste eido. Hai moitas asociacións do sector que están a loitar polos dereitos laborais e de seguridade social deste colectivo, porque até hai moi pouco estaban por debaixo do nivel de protección que hai para o resto das traballadoras.
—Cal sería agora mesmo na Galiza a foto fixa destes servizos?
O servizo de axuda no fogar (SAF) é unha relación laboral común encadrada nun contrato de traballo ordinario, pero a familiar é unha relación especial porque se contrata directamente por parte de persoas físicas, para limpar a casa ou atender persoas maiores. En 2022 unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea considerou discriminatoria a exclusión destas traballadoras da protección por desemprego. Entendeu que a norma era discriminatoria porque o servizo do fogar familiar está formado no 90% por mulleres ás que se lle negaba o dereito ao desemprego.
—Até hai tres anos, de que dereitos laborais carecía este colectivo?
Tiñan un réxime totalmente diferente ao dunha relación laboral común e cuns dereitos moi inferiores. As indemnizacións por despedimento eran menores ás do réxime común, estaban excluídas da lei de prevención de riscos, negábaselles a prestación por desemprego, podían ser despedidas dun día para outro sen alegar ningún tipo de causa. En setembro de 2022 publicouse un Real Decreto que mudaba moitas destas disposicións. Aumentaron as indemnizacións por despedimento, eliminouse a figura da desistencia dos contratos. Agora están máis protexidas ca antes, pero é verdade que este colectivo está sometido a maiores riscos ergonómicos e psicosociais. Tanto o servizo do fogar familiar como o SAF son unha medida de conciliación. Porén, moitas veces contrátase de modo irregular e isto ten moitas consecuencias negativas para as persoas traballadoras.
—Que falta para a equiparación laboral destes colectivos?
Son profesións fundamentais. O que pasa é que tamén están moi pouco profesionalizadas. Serían desexábeis máis programas de formación desde os organismos públicos, tamén en prevención de riscos laborais. Son profesións con condicións laborais complicadas por horarios e estes aspectos máis penosos deberían compensarse con outros beneficios, como salariais ou en descansos.
—Pódese exercer en lingua galega no sector do dereito e as relacións laborais?
Gustaríame dicir que si. A nivel normativo podes exercer en galego, pero desde a miña experiencia profesional non se acostuma usar o galego nos xulgados ou nos despachos. Avogo polo uso do galego no mundo xurídico porque é un idioma plenamente válido para documentos xurídicos, sentenzas, investigacións... De feito hai algunhas xuízas e algúns xuíces que só empregan o galego nas súas sentenzas, que é algo que me parece marabilloso.