María Obelleiro: "A prensa en papel debe apostar na calidade da información e non na cantidade de información"

Ana Martínez, Ignacio Carballo, María Obelleiro e Martín García. (Foto: Arxina)
A directora de Nós Diario, María Obelleiro, participou nun acto sobre xornalismo.

O Colexio Maior A Estila, en Compostela, acolleu a xornada "Os retos da prensa tradicional e os diarios dixitais", organizada pola Asociación de Xornalistas da Galiza (AXG). Após a inauguración do evento, da man do director do Colexio Maior, Miguel Jiménez, e a presidenta da AXG, María Méndez, deuse paso a dúas mesas redondas nas que recoñecidos xornalistas debateron sobre o futuro da prensa en papel e dixital.

Na palestra "Prensa en papel: adaptarse e avanzar", participou a directora de Nós Diario, María Obelleiro, xunto cos delegados de La Voz de Galicia e El Progreso, Ignacio Carballo e Martín García, respectivamente. Ana Martínez, delegada de EFE na Galiza, foi a moderadora.

Na súa intervención, Obelleiro fixo alusión a que a mudanza nos hábitos de lectura e a caída das vendas obrigan a que a prensa en papel se someta a un proceso de reinvención. Expuxo que o dixital e o papel "están chamados a complementarse" e explicou que o futuro do papel vai pasar por "centrarse máis na opinión e na análise" e por "un xornalismo con criterio que garanta a independencia fronte aos poderes políticos e económicos". Tamén pola "calidade", no canto da "cantidade".  

"Un medio en papel debe preocuparse en seleccionar aquelas cuestións de maior interese e ofrecer unha perspectiva alternativa á das axencias, con máis elementos de contexto", afirmou para, a continuación, defender que o papel non debe "deixarse devorar pola actualidade", pois "para ofrecer informacións de estrita actualidade está o diario dixital".

A directora de Nós Diario concluíu apuntando que os medios de comunicación "deben facer ver onde está a diferenza entre a prensa gratuíta e a prensa que mantén estándares de independencia", é dicir, "unha información que só se deba ao interese dos seus lectores", e isto último, salientou, "pasa polas subscricións", lonxe do xornalismo "subvencionado", que, dixo, "provoca clientelismo".