1.000 'Nós Diario'

María Obelleiro: "'Nós Diario' condiciona a axenda mediática"

Susana Trigo, María Obelleiro, Xoán Costa e Xosé Abilleira, hoxe. (Foto: Nós Diario)
A xira do xornal polo número 1.000 recalou hoxe en Pontevedra.

A xira de Nós Diario pola edición do número 1.000 recalou esta terza feira en Pontevedra, nun acto organizado no Edificio Castelao do museo da cidade pola asociación Maiolongo. A directora do xornal, María Obelleiro, e o presidente de Sermos Galiza, Xoán Costa, estiveron acompañados polo presidente de Maiolongo, Xosé Abilleira, e pola xeógrafa e ensinante, Susana Trigo.

Obelleiro destacou que Nós Diario "é necesario, é posíbel e depende nós". Neste sentido, afirmou, "grazas a todas as persoas subscritoras e ás accionistas da empresa, ás colaboradoras e anunciantes, así como ás lectoras, este xornal é posíbel".

A directora subliñou que Nós "condicionou a axenda mediática en temas de tanta relevancia como poden ser o espolio eólico, unha política forestal ao ditado de Ence ou o acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia".

"Casos como os das portas xiratorias entre o Goberno galego e as enerxéticas, como é o caso de Beatriz Mato, ou a información sobre o que acontece na CRTVG, sae á luz a pesar das presións que padecemos", concluíu a directora de Nós Diario.