María Obelleiro analiza a situación da sanidade e do xornalismo nunha palestra en Outes

María Obelleiro (no centro) esta quinta en Outes (Foto: Nós Diario).
A palestra encádrase dentro das xornadas ‘Charlas Sociosanitarias’ organizadas polo Centro Social de Outes e coordinadas polo médico Xosé Dios Diz.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, ofreceu esta quinta feira unha palestra sobre xornalismo e sanidade no centro da cultura de Outes.

Alí puxo de manifesto o protagonismo adquirido por temáticas como a saúde e a ciencia na axenda dos medios de comunicación a raíz da pandemia da Covid-19.

A cobertura de 'Nós Diario'

Nós Diario viu a luz apenas dous meses antes da declaración da emerxencia sanitaria, mais a ciencia, a I+D+i e a sanidade pública gozaban xa de espazos destacados nas nosas páxinas”, expuxo.

Ademais de referirse á sinerxía entre xornalistas e profesionais da sanidade como piar da información sobre saúde e sistema sanitario, Obelleiro salientou a necesidade de dar voz tanto a persoas usuarias como ás traballadoras e traballadores do Sergas, así como ás plataformas en defensa da sanidade pública, que carecen de altofalantes na política comunicativa impulsada pola Consellaría de Sanidade.

'Charlas Sociosanitarias'

A palestra encádrase dentro das xornadas ‘Charlas Sociosanitarias’ organizadas polo Centro Social de Outes e coordinadas polo médico Xosé Dios Diz.