María Moure: "Na Galiza carecemos de departamento de etnobotánica, mais o noso potencial é enorme"

A autora desta obra de medicina e etnografía do Courel é farmacéutica, investigadora e divulgadora. (Foto: Nós Diario)
María das herbas e as herbaxeiras do Courel. Crónica popular dunha terra extraordinaria é o título deste primeiro volume da triloxía que María Moure, farmacéutica e divulgadora, quere sacar adiante usando como fío condutor as herbas medicinais da Galiza. Esta primeira obra conta con máis de 300 páxinas e 245 fotografías e está construída como un ensaio novelado no que o factor humano é "primordial".  

-Cóntenos en que consiste este primeiro volume.

É un libro de divulgación no que adopto o papel de narradora e por iso lle chamei, de maneira un pouco informal, ensaio novelado. En realidade isto ía ser unha tese de doutoramento. Son a terceira xeración de farmacéuticos, mais preferín orientarme á investigación. Decidín ir vivir ao Courel, inicialmente un ano, para facer o traballo de campo do que ía ser unha tese de doutoramento.

Unha vez transcorrido ese tempo tomei a decisión de convertelo nun libro de divulgación pensado no público xeral ademais de nos expertos, porque a información achegada foi tanta e tan interesante que me daba mágoa que quedase só relegada ao ámbito académico.

O catálogo é o fío condutor, pero non é só unha listaxe de plantas medicinais, moi amplo, senón que tamén reunín unha información moi ampla e moi interesante que me achegou a veciñanza do Courel en relación a lendas, cancións, adiviñas, ritos ancestrais, refráns...

Envorcáronse comigo na información e na recollida de mostras... Sempre lles estarei inmensamente agradecida e, por iso, a obra non está protagonizada pola herbas medicinais, senón polas persoas que habitan O Courel.

-Que cantidade de taxons medicinais recolle?

Na obra contei cun total de 198 informantes que achegaron algún tipo de información, 350 entrevistas máis en profundidade sobre esas achegas, 176 taxons considerados como medicinais que se van repartir nos tres catálogos. Neste primeiro tomo van 54 especies botánicas que son herbáceas silvestres; no segundo tomo irán as leñosas e os fieitos, tamén silvestres; para o terceiro tomo quedaron as plantas cultivadas e naturalizadas.

A idea inicial era só o catálogo pero a medida que pasaba o tempo xurdiron moitas cousas arredor da disciplina, que é a etnobotánica, que ten como especialidade a etnomedicina... Mais non está desenvolvida na Galiza e, de feito, aínda non hai departamento universitario propiamente dito. Así que con este formato, como libro de divulgación, o meu é o primeiro... o que vai alén de tese para o ámbito estritamente académico. 

-En que fase do proceso están os dous seguintes volumes?

Están máis ou menos estruturados, cun esquema xeral, e agora veremos como se desenvolve o primeiro tomo para continuar. Estamos satisfeitos, porque tendo en conta que non se poden facer presentacións físicas, xa vendemos a metade da primeira edición e agardamos que unha vez que se normalice a situación sanitaria irá aínda mellor. 

-As herbas medicinais forman parte da cultura popular, mais por que cre que hai pouco estudo etnobotánico na Galiza?  

Con carácter de divulgación sobre etnobotánica, e centrado na etnomedicina, na Galiza o meu libro é o primeiro e pode ser que até no Estado español o sexa. Non só ten un catálogo senón que se mestura con lendas, adiviñas, cancións... Ademais, como pretendo contentar os expertos e o público xeral tamén hai algún capítulo pensado máis para as persoas especialistas.

O feito de que haxa poucos traballos sobre etnobotánica penso que se debe a que non hai un departamento de investigación propiamente dito. Mentres que noutros territorios do Estado español, como Madrid, Catalunya, Valencia... hai unha gran tradición de etnobotánica e o seu correspondente departamento académico.

É unha mágoa que a situación na Galiza sexa esta porque é unha carencia importante, xa que non é por falla de potencial, de feito, mesmo hai unha tese centrada no territorio galego e dirixida desde a universidade valenciana.