Conversamos coa investigadora da Universidade de Vigo sobre a súa tese

María Lorenzo: "Detectamos dobre invisibilidade, os océanos e as mulleres"

María Lorenzo, investigadora na Universidade de Vigo.
María Lorenzo é investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na Universidade de Vigo e, a finais de 2019, presentou a súa tese Educación, sustentabilidade e xénero. Un traballo no que leva a cabo unha análise crítica dos currículos de Primaria e Infantil e no que destapa ameazas como a acidificación oceánica ou a invisibilidade dos traballos femininos no mar.

Como chegou á idea dunha tese na que confluísen a educación, a sustentabilidade e o xénero?
Os currículos de Infantil e Primaria non contemplan directamente o que é educación para a sustentabilidade como materia específica, de maneira que ten que ser integrada de forma interdisciplinaria desde o resto de materias. Quixemos abordalo desde o ensino das ciencias e tentar estabelecer sinerxías entre a educación científica, a educación para a sustentabilidade, onde ademais incluímos a perspectiva de xénero, e tamén as ciencias do mar. Neste caso en concreto, falar de sustentabilidade é moi grande e centrámonos no efecto que ten o cambio ambiental global nos océanos, e falamos ademais do proceso de acidificación oceánica, que é un problema ambiental grave que está a afectar aos océanos.

Como foi o proceso de investigación?
No camiño da investigación tiñamos unhas perspectivas pero tamén fomos atopando outras cousas. Un dos descubrimentos foi que nos currículos oficiais de Infantil e Primaria había unha dobre invisibilidade, por un lado os océanos e polo outro as mulleres. O medio mariño está desaparecido dos elementos curriculares, e iso supón un gran problema porque estamos na Galiza, rodeados en boa parte polo mar. De maneira que os coñecementos sobre o mar non chegan ao alumnado, non se recollen. En moi poucas ocasións aparecía o mar e cando o facía era con aspectos moi conceptuais. Non se afonda no funcionamento nin na importancia que teñen os océanos para a vida no planeta. Era algo moi anecdótico. E logo, como non se trataban os mares, os traballos vencellados a eles tampouco, por iso se facía invisíbel o traballo, neste caso, das mulleres, porque as mariscadoras, as redeiras, as persoas que traballan nas conserveiras... son mulleres. E estes oficios teñen unha importancia moi grande, desde o punto de vista da sustentabilidade, por exemplo, as redeiras están a aproveitar que esa rede non se tire, porque no momento que a repara estalle a dar outra vida. Igual que o marisqueo, que supón o coidado dos terreos do mar. Iso levounos a querer crear recursos didácticos que resolvesen esta dobre invisibilidade. Desde o punto de vista didáctico eran susceptíbeis de seren usados en cursos como os de Primaria, e desde o punto de vista divulgativo foron creados e recollidos na web de Sustentabilidade en Feminino.

E como é a posta en práctica, a divulgación destes coñecementos e recursos?
Traballamos con profesorado en formación porque o que queremos é formar persoal docente para que sexan competentes á hora de levar ás aulas de Infantil e Primaria actividades que estabelezan a sinerxía entre a educación científica, para a sustentabilidade con perspectiva de xénero, e as ciencias do mar. A partir destas experiencias percibimos que había moita xente interesada en facer traballos fin de carreira vencellados con esta temática. É dicir, a mensaxe foi, “fixen esta formación contigo na aula, agora axúdame a deseñar unha actividade que lle poida levar ao meu alumnado”. Esta é a parte máis gratificante, sen dúbida, e xa levamos a cabo bastantes este ano. Decatámonos de que non sabiamos nada sobre o mar vivindo en moitos casos ao lado, e de que se quería que o alumnado non descoñecese a súa contorna próxima e, por iso, a acollida do traballo e da formación está a ser moi boa. Ese era o noso obxectivo: levar aos centros educativos as propostas que se viron con nós na Facultade, e cada vez únese máis xente profesional.