Elósegui pide ver que di "a ciencia e a medicina" sobre a homosexualidade e a transexualidade

Interior do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos

Após do anuncio de que sería a primeira muller española en facer parte do Tribunal de Dereitos Humanos, axiña xurdiu a polémica polos seus comentarios discriminatorios.

Esta terza-feira, o Consello de Europa designou á catedrática de Filosofía do Dereito, María Elósegui Itxaso, como xuíza no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. A decisión foi avalada por unha maioría absoluta de 114 votos fronte aos 227 emitidos. Poucos días despois desta nova, a nova maxistrada de Estrasburgo realizou varias declaracións polémicas nunha entrevista publicada esta sexta feira por El País. Elósegui foi proposta polo goberno español nunha terna de candidatos, embora o favorito da Moncloa fose o ex presidente do Tribunal Constitucional, Francisco Pérez de los Cobos.

 

“A homosexualidade non a traballei especialmente. Si a transexualidade. Hai que estudar estas cousas con rigor, ver o que din a ciencia e a medicina”, afirma Elósegui ao ser cuestionada sobre varios dos seus textos onde defende que a homosexualidade é unha “patoloxía”. Estes artigos, de criterio supostamente científico, foron publicados en webs ultracatólicas e vinculadas ao Opus Dei e sostiñan, entre outras teses, que o preservativo podía fomentar as violacións ou que os menores do terceiro mundo non deberían recibir educación sexual sen o coñecemento paterno.

 

Ao fío dos dereitos das persoas transxénero, a propia Elósegui ten apostado por tratamento psiquiátricos para “curar a transexualidade”, que ela mesma define como “unha traxedia”. Nas súas declaracións a El País, a xurista relativiza as súas declaracións sinalando que “dentro do propio colectivo houbo distintas posicións coa lei de cambio de sexo”, sinalando que se terxiversaran as súas declaracións, sendo que tamén había quen “quería unha transformación, mais non unha reasignación cirúrxica irreversíbel”. A respecto do resto do colectivo LGTBI, a maxistrada chega a sinalar que a homosexualidade é “unha elección máis”. 

 

Unha intensa campaña de ‘spam’

 

“A miña sensibilidade na loita polos dereitos humanos, non só desde o punto de vista teórico e académico, senón tamén a miña contribución a cambios sociais reais con técnica” son varias das “achegas” que a catedrática apunta que prestar ao TEDH. A súa entrada neste organismo europeo ten lugar após Elósegui ter levado a cabo unha intensa campaña desde que o pasado mes de novembro para destacar a súa candidatura por riba do expresidente del Tribunal Constitucional, Francisco Pérez de los Cobos e o director xeral de Asuntos Xurídicos do Ministerio de Exteriores, José Martín y Pérez de Nanclares (o terceiro dos candidatos propostos por Madrid).

 

Elósegui contaba con numerosos detractores para ocupar o posto debido a que, a pesar de ser catedrática de dereito, nunca chegara a gañar unha oposición ou exercer de xuíza. Para contrarrestar este feito, a xurista incidiu nas suás mensaxes sobre a súa experiencia en Dereitos Humanos e no seu traballo na Comisión contra o Racismo e a Intolerancia no propio Consello de Europa. Alén disto, tamén tentou desacreditar o seu principal opoñente, Pérez de los Cobos, aludindo a que “traballa para o Goberno”, afirmaba nos correos electrónicos, aos que tivo acceso o xornal dixital eldiario.es.