Técnica de Amigos da Terra para a xestión de residuos

María Durán: "O compost doméstico ten resultados bos para o medio e supón un aforro para os concellos"

A formación na elaboración do compost é unha das tarefas que desenvolve María Durán. (Foto: Nós Diario)
A Asociación ecoloxista Amigos da Terra desenvolve estes días a segunda fase do proxecto Camariñas Composta, para formar e acompañar a veciñanza no manexo de composteiros e na xestión dos residuos orgánicos do seu fogar. Unha tarefa que en 2023 será obrigada para os municipios pola nova Lei de Residuos. Sobre este tipo de actividades e a importancia e os beneficios do tratamento doméstico da materia orgánica, conversamos coa técnica de Amigos da Terra, María Durán.

Fálenos da importancia da compostaxe e dos beneficios que achega.

Para nós a compostaxe é a maior alternativa sustentábel que se pode levar a cabo na Galiza, en canto á xestión e ao tratamento da materia orgánica. Por unha banda, pola dispersión poboacional, porque a xestión de residuos debe primar a proximidade, tratar o residuo onde se xera. Desde ese punto de vista a compostaxe é a mellor iniciativa posíbel.

Por outra banda, é un sen sentido que na Galiza estean a viaxar os residuos para seren queimados na planta de Sogama, cando o compost é un produto necesario para as nosas terras e non sobra, aínda que compostásemos toda a materia orgánica que se produce na Galiza non íamos ter sobrante, xa que temos montes queimados, canteiras que recuperar...

É a mellor alternativa. Levamos xa moitos anos buscando concellos que se sumen e hai municipios do rural como Camariñas pero tamén urbanos como Pontevedra ou A Coruña. Vivendas unifamiliares cun pequeno xardín ou cun pequeno terreo... E os resultados son moi bos, non só en canto á xestión da materia orgánica senón tamén da satisfacción das participantes e do aforro que supón para os propios concellos. 

En que consiste o programa?

O concello facilita os materiais necesarios, como é o composteiro, e o noso papel é o de formar e acompañar as familias, para darlles unhas pautas como controlar a temperatura e a humidade do compost. Capacitámolas para que a compostaxe sexa correcta e, entre os beneficios inmediatos está a comodidade da xestión dos propios residuos, o beneficio para o propio xardín...

E no aspecto global, o concello aforra cartos porque ti estás deixando de usar o colector xenérico, xa que o orgánico é a metade da bolsa do lixo.

Serve todo para o compost?

Compóstase toda a materia orgánica, os restos da cociña, do café, das infusións, restos do xardín, da colleita da horta, as follas que caen... Todo o que unha persoa pode xerar na súa casa, de orixe animal ou vexetal, pode compostarse. Para evitar que haxa demasiada humidade, por exemplo, úsase materia estruturante, materia máis seca, e tamén é importante o papel do osíxeno, por iso os composteiros teñen que deixar que pase o aire. No compost non hai cheiro, é hixiénico, dalgún modo.

Mais a compastaxe non é algo novo na Galiza...  

Parece que ao falar de compost estamos a inventar algo novo, e o único que estamos a facer é recuperar unha práctica que tiñan as nosas familias non hai tanto pero que se foi perdendo, polo abandono do rural e das prácticas agrícolas... Isto  deu lugar a que se perdese esa sabedoría ou se desprezase, quitóuselle valor a unha técnica que é moi importante recuperar.

Tamén no eido urbano. Hai moita xente que quere volver ao campo por mor da pandemia, así que estamos a vivir o proceso contrario e hai interese por aprender estes métodos para a horta e ter certa soberanía para xestionar os propios residuos e a horta e fechar o ciclo da materia orgánica.

Como podemos facer compost na cidade?  

Hai na Coruña familias que teñen na terraza un composteiro doméstico. Hai tamén verde-composteiros, máis pensados para o ámbito urbano, que están activados por lombrigas que se denominan californianas, pero non son de California senón galegas e máis voraces do común, dixiren moi rápido a materia orgánica e transfórmana en compost. É unha solución boa para quen vive nun piso porque son  composteiros pequenos.