Ángeles Alvariño, María Wonenburger… citar mulleres científicas nas RRSS contra o ‘machismo’ nos Premios Nacionais de Investigación

Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética médica

As 10 modalidades deses galardóns levan nomes de homes. “Cero mulleres”, denuncian colectivos como a Rede Galega de Investigación

O Boletín Oficial do Estado publicaba esta segunda feira a convocatoria dos Premios Nacionais de Investigación 2021 por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Uns galardóns nos que hai 10 modalidades, todas elas nomeadas co nome dun investigador ou científico. Todos homes, ningunha muller.

Un feito que non pasou desapercibido e que xa tivo resposta nas redes sociais. Unha das respostas foi desde a Rede Galega de Investigación (@InvestiGal): “Ollade os nomes das 10 modalidades...cero mulleres, CEEEROOO!”.

Este colectivo convidaba a usuarios e usuarias a, en protesta, chiar en twitter “propoñendo o nome dunha muller investigadora que merece que 1 premio leve o seu nome! Comenzamos nós: María Blasco #IgualdadeRealXa”.

A idea difundiuse e nas redes foron aparecendo nomes de investigadoras e científicas: Jimena Fernández de la Vega, Ángeles Alvariño, María Wonenburger, Margarita Salas, María José Alonso, Ángela Ruíz Robles…