María Balbina Álvarez: "Hai de todo, mais ás veces os que non saben nada de viñas son os que mellor as coidan"

A enxeñeira agrícola María Balbina Álvarez coas vides do seu pai en Quiroga (Nós Diario).
María Balbina Álvarez leva oito anos dedicándose a asesorar como sacar o mellor rendemento ás viñas en Quiroga e a súa comarca. O inicio da pandemia coincidiu coa súa entrada na confraría do Viño e pasou a ser a primeira muller na súa historia. Desde esta entidade vixían e controlan a procedencia dos caldos que participan na feira, que este ano terá lugar os días 24 e 25 de xullo.   

-Como se desenvolveron os seus estudos?  

Estudei Enxeñaría Agrícola na rama de Mecanización e Construcións Rurais. É a máis complexa. Como o meu pai traballara nunha canteira de lousa, pensei que o mellor era facer o proxecto de fin de carreira sobre iso. Propuxen a reciclaxe dunha entulleira a partir dunha empresa que moe o entullo e saca del fibras, que serven como illante do frío para a sola dos tenis ou as propias pelotas de varios deportes. Deseñei o sistema, tamén, para que as e os operarios traballasen en cabinas sen acceso ao po e que a maquinaria aspiradora funcionase durante as quendas que realizasen.

-E a súa profesionalización?

Ao mes de rematar os estudos montei unha empresa dedicada ao asesoramento da industria que temos como son os viñedos e as oliveiras, aínda que centrándome nos primeiros. Nelas levo a preparación e un seguimento anual da viña, desde a poda até os primeiros tratamentos de coidados. Fago rutas diarias. Un día vou pola ribeira e outro pola Ermida, outro cara a Montefurado e ao seguinte paso por San Clodio. Desta maneira sei como están as variedades.

-Cales son as variedades máis estendidas na zona?

Hai moito mencía e algo de godello. Tamén un pouco de treixadura e albariño. Véndese moito mencía e godello de Quiroga para as adegas de Chantada e Sober. Defendo a súa calidade como se fosen miñas.

-Que debe ter unha vide para dar un bo viño?

Primeiro de todo ten que estar ben preparada, ben alimentada pola raíz. Pasa igual que con nós mesmas, se están ben alimentadas responden moito mellor. Teñen que estar arrodeadas dun mando de verdor mais suave. A poda é moi importante e os tratamentos fitosanitarios teñen que ter unha marxe de quince ou vinte días. Entre xuño e xullo ten que airearse, sobre todo a do godello. Hai que ter en conta que as plantas se se sobredosifican acostúmanse e iso nótase no viño.

-Facer viño segue a vir dunha herdanza ou hai cada vez máis produtores novos? 

Teño todo tipo de clientela. Algúns xa facían viño os seus avós e os seus pais continuaron. Outros comezaron agora e teño que ensinarlles desde o principio coa plantación e o coidado da viña. Hai de todo, mais ás veces os que non saben nada de viñas son os que mellor as coidan, se cadra por estar máis enriba que os que naceron na viña.

-É un sector de futuro que podería asentar poboación no ámbito rural? 

Creo que si, o que pasa é que é un traballo moi escravo. A min encántame, apaixóname, mais sei que son 365 días do ano de dedicación por enteiro á viña. Pode dar traballo. Aquí mesmo temos a sorte de estar nun microclima onde sempre houbo viñas e o viño sae con moita calidade.

-Coa súa entrada na confraría do viño de Quiroga están a mudar as cousas no sector? 

Agardo que si. Eramos dúas técnicas e quedei eu soa como asesora. Respéctanme, fanme caso e aconséllanse comigo. Para min entrar na confraría foi unha responsabilidade e un orgullo aínda que sexa "un mundo de homes".

A confraría é unha entidade privada que non pertence a ningunha institución. Ten 24 membros e unha persoa deuse de baixa. Para acceder hai que presentar un currículo e referencias. Logo hai unha votación e no meu caso gañei por un voto. É unha actividade que ten certa responsabilidade por vixiar, a través dunha cata oficial, que os viños que se presenten sexan válidos e con uva da zona.