Mari Carmen, mariscadora: “Gustaríame unha lei que prohibise navegar estes barcos perto da costa”

Traballaba do seu no Grove cando afundiu o petroleiro. A súa vida mudou meses enteiros e tardou anos en recuperar unha parte da normalidade de antes do Prestige. Para ela a sentenza do xuízo que ten lugar na Coruña debería protexer as nosas costas.

 

Como lembra aqueles días de novembro de 2002?

Foi terrorífico. Estabamos nun momento economicamente bo cando chegou a marea negra ás praias. Coa directiva da confraría estivemos tres meses traballando arreo todos os días. Poñéndolle comida á xente... e menos mal que viñeron na nosa axuda de todas partes do Estado español. Parecía un grande hotel! Limpabamos as botas, roupa e todo o material que empregaban os voluntarios ao día seguinte. A nivel económico foi moi difícil recuperarnos. Tardamos moitos anos e agora coa crise...

Cando se activou a resposta ao que pasaba?

Comezamos mesmo en novembro, ao día seguinte mesmo. Os mariñeiros que tiñan barco foron a alta mar co que podían: con nasas, con palas... Inventáronse moitas ferramentas. Os do mexillón fixeron un labor moi grande. Os traballos continuaron en decembro, xaneiro, febreiro,... A marea chegou a San Vicente, onde esta a batería de costa, á Lanzada e ás praias que estaban na boca da Ría.

"As autoridades naquel momento andaban perdidas. Non estaban nin se lles agardaba"

Todo autorganizándose, sen apareceren as autoridades...

Claro. Nós a nivel confraría e eles a través da súa asociación. As autoridades naquel momento andaban perdidas. Non estaban nin se lles agardaba. Viñeron moito despois con subministración. Ao principio non había organización. Chegaban os barcos cargados de chapapote e non tiñan nin colectores onde o botar. Os mariñeiros tiveron que saír á entrada da Ría. Imaxina se chega todo ese chapapote ás praias!

As perdas foron importantes?

Víronse co tempo. Un ano non houbo desova e non había marisco nas praias. Comezou a normalizarse cinco anos despois.

Que agarda do xuízo do Prestige?

Para min, supoño que tamén para todo o mundo, tería que se pagar o dano causado. Que houbese xustiza. Non vai ser así posto que é impagábel. Ademais gustaríame que saíse unha lei que prohibise navegar estes barcos perto da costa, que nos protexese. Foi o Prestige mais ninguén nos di que dentro de pouco non haxa outro igual. Que a sentenza servise para protexer as nosas costas, para que non pasase algo semellante no futuro.