Informes específicos ou estatísticas ficarán ocultos

En Marea denuncia que Economía dificulta o acceso á información sobre a minaría

Mobilización cidadá contra o proxecto de minaría de Touro-O Pino

Esta segunda feira apareceu no DOG unha instrución sobre o acceso á información pública en materia de minas. Para En Marea, é unha orde que vai contra a transparencia e blinda os proxectos extractivos.

"O que fai esta instrución é limitar e condicionar o acceso á información", avalía Antón Sánchez, vicevoceiro parlamentar de En Marea segundo un comunicado de imprensa disponibilizado pola formación. "Os antecedentes neste asunto son claros. Hai unha sistemática ocultación de información aos colectivos que se moven contra a minaría salvaxe. Existen trabas e obstáculos constantes", acrecenta o parlamentar.

 

A Consellaría de Economía argumenta na exposición de motivos da orde que a instrución persegue evitar "colapsos [polo envío de solicitudes de información] na unidade administrativa afectada". Trataríase, en último termo, de asegurar a "plena efectividade do dereito de acceso á información dos cidadáns".

 

Mais pese a esta declaración de intencións o miolo da instrución é o relatorio dos motivos que poden levar á administración a inadmitir demandas de información. Nese sentido, non recibirán a luz verde as solicitudes sobre trámites en curso de elaboración ou de publicación xeral, nen tampouco aqueles requerimentos de documentación sobre aspectos auxiliares (notas, borradores, opinións, resumos...) dos proxectos.

 

E ficaría tamén fóra do dereito á información (e, sería, por tanto causa de inadmisión das solicitudes) "a reelaboración da información", "a redacción de informes" e a "elaboración de estatísticas e agregados de datos". A transparencia tampouco alcanzará, segundo esta instrución de Economía, "o asesoramento xurídico sobre interpretación ou aplicación de normas xurídicas".

 

Perante todo isto, En Marea anuncia que "volverá a levar ao Parlamento de Galiza a actitude escurantista e opaca do goberno galego en todo o que se refire aos proxectos mineiros". A política de transparencia do Goberno Feixóo a este respecto xa fora obxecto, en novembro de 2017, dunha sentenza condenatoria por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, órgao xudicial para o cal a administración galega violou o dereito á información da veciñanza afectada polo proxecto de Corcoesto.