Unha marea de máis de 130 colectivos e entidades apoian a manifestación “Eólica así non”

Parque eólico do Sil en Nogueira de Ramuín (Foto: Iberdrola).

A marcha deste sábado, 5 de xuño, pide a paralización dos proxectos eólicos en tramitación.

Máis de 130 colectivos, plataformas e entidades galegas de todo tipo (ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais, políticas...) apoian a mobilización deste sábado 5 en Compostela “ contra a invasión eólica de Galiza”.

Así pois, ás 22 entidades convocantes da marcha, sumáronse na última semana máis dun cento de organizacións de diversa índole que subscriben o manifesto “Eólica, Así Non” e que amosan a súa vontade de participar na manifestación do 5 de xuño, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente.

Estas organizacións únense ao chamado á participación á sociedade galega nunha grande mobilización social “que esixa dun xeito contundente e masivo a paralización urxente de preto de 200 proxectos eólicos que arestora están en tramitación nas administracións da Xunta e do Estado e que pretender asentarse dun xeito caótico e irracional no noso territorio”. 

O manifesto “Eólica, Así Non” que subscriben todas estas entidades advirte das graves deficiencias que presenta o actual modelo de desenvolvemento eólico de Galiza e que considera “desfasado, colonial, inxusto e insostíbel. Insta a derrogar o actual Plan sectorial eólico por carecer de ordenamento e avaliación ambiental e favorecer a especulación e o negocio do oligopolio enerxético por riba do ben común, dos dereitos das persoas, do futuro do rural, ou da preservación da paisaxe, da contorna natural e do patrimonio cultural”.

Segundo as entidades adheridas ao manifesto, a transición enerxética está sendo usada como escusa polas grandes multinacionais da enerxía para facer o seu particular “lavado verde” e destruír de novo o territorio galego “coa conivencia das administracións públicas e a regalía dos fondos europeos”.

O escrito chama a atención sobre o papel de Galiza como territorio xa especialmente prolífico na produción de enerxías renovábeis, que xa supera o consumo actual e exporta o 30% da electricidade xerada.

As máis de 130 organizacións que secundan esta Gran Marcha “contra a invasión eólica tamén reclaman á Xunta a derrogación da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais (2017) e a Lei de simplificación administrativa (2021) (“Leis de depredación”) que rebaixan as garantías ambientais e restrinxen os dereitos dos cidadáns”.

Porén, como reza o manifesto “Eólica, Así Non” estas entidades apoian as enerxías renovábeis, mais avogan por un cambio de modelo de desenvolvemento eólico cara a un sistema descentralizado, baseado na soberanía enerxética, no fomento do aforro, da eficiencia enerxética e do autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.

Dado o amplo número de entidades convocantes e adheridas que participarán nesta gran mobilización social, prevese unha elevada afluencia de manifestantes este sábado en Santiago de Compostela. 

A marcha sairá ás 12 horas desde a Alameda e seguirá o seguinte percorrido: Rúa da Senra, Praza de Galiza, Rúa Doutor Teixeiro, Rúa República do Salvador, Rúa Hórreo, Rúa das Orfas, Cantón do Toural, Rúa do Vilar, Rúa Xelmírez, Rúa de Fonseca, Rúa do Franco, ata chegar á Praza do Obradoiro.