En Marea esixe que a Xunta protexa Sargadelos

O complexo de Sargadelos en Cervo. Foto: cedida.

En Marea quere que a Xunta se pronuncie sobre “a situación” da fábrica de Sargadelos de Cervo e sobre o legado cultural da empresa. A “situación” vén, na actualidade, condicionada polo anuncio de 49 despedimentos -a metade do cadro de persoal- realizado en pleno agosto polo administrador da marca, Segismundo García.
 

“García está a xogar tanto co legado desta emblemática marca como co emprego da fábrica de Cervo”, denunciou a deputada de En Marea Paula Vázquez Verao. A parlamentaria lembrou que a factoría da Mariña está catalogada como conxunto histórico artístico desde 1972 e como ben de interese cultural.

 

O pasado 17 de agosto, o administrador da empresa -que se fixo con control do accionariado despois da morte, en 2012, do histórico fundador Isaac Díaz Pardo- comunicou por sopresa a súa intención de botar 49 traballadoras e traballadores. Atribuíu a decisión á “presión dos sindicatos” e falou de que lles ía botar “un pulso”. Vinte despedimentos xa se fixeron efectivos, aínda que Vázquez Verao sinala que “con moita probabilidade serán nulos”.

 

“A actual dirección do grupo Sargadelos amosa unha falta de respecto pola lexislación laboral vixente e polos dereitos laborais básicos”, engade a deputada da confluencia de esquerdas, “e xa cometeu numerosas infraccións”.

 

Para a parlamentaria de En Marea, Sargadelos “é máis ca unha fábrica de obxectos decorativos. Malia que a actual administración do grupo o deturpara, segue a ser un conxunto de proxectos que son patrimonio inmaterial colectivo”. A coalición levará estes feitos ao Parlamento de Galiza “porque a Xunta algo terá que dicir ante a vulneración de dereitos laborais” e para “saber que pensa facer o Goberno galego para preservar o legado cultural de Sargadelos”.