Maré de peticións á Xunta para que poña fin aos convenios cos centros que segregan por xénero

Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Colectivos sociais, sindicais e políticos instan á Xunta a que corte a billa da subvención aos colexios que segregan por sexo, e aos que destinaba tres millóns de euros. Apontan que a sentenza do TSXG anulando eses concertos debe ser acatada desde xa pola Xunta

 

O Tribunal superior de xustiza de Galiza anulou os concertos que a consellaría de Educación mantiña con cinco colexios relixiosos que segregan o alumnado por razóns de sexo. Unha setenza que coloca contra as cordas ao conselleiro de Educación e goberno autonómico, firmes valedores contra ventó e maré das axudas a estes centros (por un importe de tres millóns de euros).

Desde a CIG-Ensino esíxenlle ao conselleiro de Educación que acate a sentenza e retire as subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de sexo.Lembra a central nacionalista que o TSXG, que declarou legais estes concertos cando a CIG- os recorreu no ano 2009,  tivo que rectificar ao ver superada a súa doutrina polas sentenzas ditadas polo Tribunal Supremo no verán.

Desde CCOO-Ensino congratúlanse da sentenza e piden á Xunta que "de inmediato" se retiren os concertos con estes centros. Iso si, esta central sospeita que "a intención da administración pasa por seguir mantendo os concertos aos centros segregadores, xa que no anteproxecto da Lei de Mellora da Calidade no Ensino (LOMCE) se blinda no seu articulado a posibilidade de concertar estes centros ao considerar a propia lei que o ensino diferenciado non supón discriminación".

Devolución dos cartos

Xa no eido político, o BNG presentou unha iniciativa parlamentar na que piden ao Goberno autonómico que “acate de inmediato a sentenza” do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Aliás, a fronte nacionalista reclama a devolución dos cartos dos concertos durante catro anos.

a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) pide a demisión do conselleiro de Educación xa que “destroza todo o que toca” cunhas decisións políticas "que fulminan o carácter gratuíto e universal do sistema público do noso país".

E desde o PSdeG, o seus secretario xeral, Pachi Vázquez preguntouse "se ninguén vai demitir" na Consellaría de Educación após a sentencia do TSXG.