Marcial Dorado sobre Feixoo: “Se dormes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo... Eu considerábame amigo”

Fotograma do avance do programa que se emite o domingo, 15 de marzo.

Jordi Évole entrevista este domingo, 15 de marzo, o narcotraficante cuxas fotos con Núñez Feixoo perseguen o presidente desde a súa publicación en 2013.

Jordi Évole vai entrevistar no seu programa, Lo de Évole, deste domingo, 15 de marzo, a Marcial Dorado, arousán condenado por narcotráfico e cuxas fotos nun iate con Núñez Feixoo, publicadas en 2013, perseguen desde entón ao presidente da Xunta.

Desde o propio programa indican que o que se emite este domingo “pode interesalle a Feixoo”. No avanzo que Lo de Évole publicou nas redes sociais Marcial Dorado deixa claro que non se fai fotos con calquera (“Odio as fotos, non teño fotos con ninguén, só coa miña familia”).

Dorado afirma que que se consideraba amigo de Núñez Feixoo (“Se dormes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo... Eu considerábame amigo”). Aponta, aliás, que a súa relación con Feixoo, daquela alto cargo da Consellaría de Sanidade, non era algo secreto: “Sabíao todo o mundo”.

Nese vídeo tamén se pregunta por supostas “presións” para que Marcial Dorado falase mal de Núñez Feixoo a cambio de beneficios penitenciarios.  Afirma Dorado que un funcionario da prisión onde se atopaba advertiulle que esas fotos íano "fundir". "Efectivamente, afundíronme". indica.

"A Marcial Dorado non se achegaba calquera"

Nunha entrevista con Sermos Galiza publicada no número 43 do semanario, Manuel Fernández Padín, testemuña protexida da Operación Nécora afirmaba que "A Marcial Dorado non se achegaba calquera; Feixoo sabía ben quen era"