Cinco marchas percorren zonas arrasadas polo lume para reivindicar outra política forestal

As camiñatas, en áreas como Oia, Vilagarcía ou Pontecaldelas, forman parte da 'Semana de Loita' que terá o seu broche de ouro o domingo, 29, cunha manifestación nacional en Compostela. @s organizador@s chaman a convertelas en mobilizacións sociais para exixir un outro modelo forestal.

A Plataforma en Defensa do Servizos Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais convocou para este domingo, 29 de setembro, unha manifestación nacional. Mobilización coa que reivindicar e demandar “un servizo único, público e profesional de prevención e extinción; a ordenación do territorio; unha verdadeira política forestal; fomentar na sociedade e nas escolas unha cultura de defensa dos nosos valores naturais, ambientais e paisaxísticos e a creación dunha mesa de diálogo con todos os sectores afectados”.

E antes desta cita, a Plataforma convoca unha semana de loita , cunha concentración que se desenvolverá esta terza feira, o día 24, ás 11:30 horas, diante do SPDCIF e marchas en diferentes comarcas do país afectadas pola vaga de lumes. Desde a Plataforma fan un chamamento a participar a veciñ@s, colectivos, asociacións ambientalistas e organizacións de todo tipo.

"Cambios que hai tempo que se tiñan que ter feito"

O secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, matizou que se até o de agora estiveran vinculadas a demandas estritamente laborais, desta volta a pretensión da Plataforma é que sexan mobilizacións de carácter social. Neste sentido lembrou que na Plataforma xa están integradas organizacións ecoloxistas como ADEGA ou Verdegaia e que xa manifestaran o seu apoio organizacións como o Sindicato labrego Galego ou a de Montes en Mancomún, ademais de sumarse á convocatoria os bombeiros dos parques privados de Galiza. “A cidadanía ten que ser quen realmente exixa os cambios que hai tempo que se tiñan que ter feito”, dixo.

Datas e lugares das marchas:

- Mércores 25, ás 16:30 h: Desde Burgueira (Oia) até Baiona

- Xoves 26, ás 16:30 h: Desde As Neves até Ponteareas

- Venres 27, ás 16:30 h: Desde Pontecaldelas até Pontevedra

- Sábado 28, ás 17:00 h: Desde o Monte Xiabre até Vilagarcía

- Domingo 29, ás 10:00 h: Desde o Milladoiro até Compostela