I Asemblea da Marcha da Dignidade: da resistencia á suma de forzas para atinxir a fin do rexime

A Casa Común de Oza, no Concello de Teo, acolle este sábado a I Asemblea Nacional da Columna Galega das Marchas pola Dignidade. Unha cita para, sinalan, trazar novas accións e camiños de futuro sacando proveito da experiencia relacionada coa mobilización do 22M.

 

O 22 de marzo Madrid rebordou de ducias de milleiros de persoas que exixían a fin das políticas lesivas e agresivas para coas maiorías sociais e que demandaban, na rúa desde a rúa e para a rúa; unha outra política posíbel. Entre eses milleiros de persoas había centos de galeg@s, participantes na columna da Marcha da Dignidade que partiu de Galiza para se sumar á maré “contra a Troika e polos pobos”.

Este sábado, 26 de abril, Teo, concello lindeiro con Compostela, acolle a I Asemblea Nacional da Columna Galega das Marchas pola Dignidade. Unha cita aberta a todos e todas aquelas que queiran asistir, remarcan @s convocantes. Desde a CUT, un dos axentes impulsores das Marchas da Dignidade, sinalan: “O éxito atinxido o pasado 22 de marzo en Madrid non pode ser unha mera mostra de resistencia testemuñal, debería ser máis ben o comezo dunha campaña de mobilizacións masivas encamiñadas a cambiar definitivamente de réxime, a reverter as políticas destrutivas das condicións de vida da clase obreira galega”.

De aí esta xuntanzadeste sábado na Casa Común de Oza, din. Para debater, coordenar, discutir, doscrepar e acordar vindeiras accións a desenvolver. Parten do convencemento de que o 22M non foi unha estación final, senón un punto de partida en torno o que artellar un movemento amplo de resposta ao rexime. Para derrubalo contan coa forza evocadora das tres palabras revolucionarias: “Pan, Traballo, Teito”.