Unha nova ‘Marcha às cadeias’ denunciará a dispersión dos presos independentistas

que voltem a casa presos

A XII edición deste iniciativa organizada por ‘Que Voltem’ decorrerá o vindeiro 21 de abril.

 

Denunciar a política de dispersión aplicada aos presos independentistas e pedir o seu traslado a Galiza son as reivindicacións chaves da ‘Marcha às cadeias’, a iniciativa organizada por ‘Que Voltem para a Casa’ e que este ano chega á súa doceava edición.

 

Será o vindeiro 21 de abril. A iniciativa mobiliza familiares e amizades dos presos independentistas, así como solidarios, para se desprazar en autobús até os cárceres onde estes cumpren condena e alí reivindicar o seu traslado a Galiza.

Cómpre lembrar que ao longo dos últimos meses, os presos independentistas tramitaron perante a Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias as respectivas solicitudes e peticións pedindo o seu traslado a prisións ubicadas en Galiza.

 

 

Desde Que Voltem! denuncian que a dispersión vulnera os artigos 25.2 e 91 da constitución española, así como o artigo 4.2 e) do regulamento penitenciario e diferentes convenios e tratados internacionais, como o convenio europeo para a protección dos dereitos humanos ou as coñecidas como ‘Regras Mandela’, aprobadas en asemblea xeral pola ONU. Afástase ao preso do seu lugar de residencia, das súas familias e entorno. Unha condena a maiores da condena imposta polo propio tribunal.

 

FIES

 

Outra demanda das familias e amizades é a fin do “réxime de castigo” que denuncian que se aplica nas prisións aos presos independentistas galegos.  Desde que unha persoa detida en Galiza baixo a acusación de integración ou colaboración con organización armada entra en prisión é obxecto de aplicación por sistema, e así se evidenciou ao longo de todas estas décadas, de dúas medidas punitivas a maiores da derivada da decisión xudicial: a da dispersión e a súa clasificación como Fies. A aplicación do réxime Ficheiros de internos de especial seguimento (Fies). Non todos os Fies son presos independentistas mais si que se aplica este réxime a todos os presos independentistas.