A marcha xuvenil independentista e a Cadeia Humana polas presas percorren Compostela

Acto de encerramento da mobilización convocada por Ceivar.
Mocidade pola Independência realizou a oitava edición da marcha xuvenil sobernaista do 24 de xullo e Ceivar levou a cabo a décimo terceira Cadeia Humana pola liberdade das presas independentistas. 

Da Alameda de Compostela partiu este 24 de xullo, contra ás 20.30 horas da tarde, a manifestación xuvenil pola soberanía da Galiza, convocada da man da rede Mocidade pola Independência (MPI). "Combatemos a precariedade construíndo Galiza", foi o lema co que decorreu a oitava edición desta mobilización.  

No manifesto da convocatoria, a mocidade reflexionaba sobre a situación de pandemia actual, após "tres meses de confinamento en que a violación de dereitos e os excesos policiais foron habituais", denunciaron. 

Nese sentido, desde MPI sinalaron que, baixo o pretexto da Covid-19, o Goberno estatal do PSOE e Unidas Podemos negouse "por españolismo" a confinar Madrid e"despregou o exército español nas rúas do noso país, recentralizou competencias autonómicas e implementou políticas económicas en beneficio da burguesía, afondando na precarización que padece a mocidade e o pobo traballador".

"A nosa nación e o noso pobo atópanse nunha situación de emerxencia, atendamos ao que atendamos: á realidade lingüística, á cultural, á demográfica ou á económica. Precisamos da independencia para reverter as políticas do Estado español que buscan amortallar o pobo galego, rematando coa nosa identidade nacional", di o manifesto.
MPI realizou ademais un chamamento "urxente á mocidade nacionalista para que abrace a única vía que garante a nosa supervivencia como pobo: a independencia".

XIII Cadeia Humana

Este 24 de xullo e por décimo terceiro ano consecutivo, decorreu desde a Praza da Galiza, en Compostela, a Cadeia Humana pola Liberdade das Presas Independentistas, organizada por Ceivar. A  mobilización lembrou os presos independentistas Roberto Fialhega 'Teto', Antom Garcia, Eduardo Vigo, Miguel Garcia e a presa Asunción Losada.