Unha marcha en Santiago reclama garantir os dereitos das persoas con dano cerebral

Marcha organizada por Sarela e Fegadace, esta cuarta feira, en Compostela. (Foto: Fegadace)
Fegadace urxe "accesibilidade universal".

A Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) demandou "accesibilidade universal" e sentir que "son persoas autónomas" co motivo da conmemoración do Día do dano cerebral adquirido. Esta cuarta feira a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, e as persoas usuarias de Fegadace participaron nun acto decorrido en Santiago de Compostela no que leron un manifesto con referencia á celebración da xornada, no que remarcaron a realidade de como é convivir con dano cerebral.

"Hai que remarcar o recoñecemento ao dereito que teñen as persoas con dano cerebral ao seren cidadás de pleno dereito e, polo tanto, preguntármonos, non o que debe facer elas para participar na vida pública, senón que podemos e temos que facer nós desde as institucións, os poderes políticos ou a sociedade", remarcou Fernández.

Ademais, incidiu nas dificultades que sofren estas persoas e que derivan en problemas na vida diaria, por iso "é importante" falar de "accesibilidade universal e de eliminar as barreiras cognitivas" que se atopan nas estacións, nas rúas ou nos postos de traballo.

Desde Fegadace subliñaron a importancia de mellorar a súa inclusión na sociedade. "Para sentir que podemos valernos por nós mesmos necesitamos que se corrixan moitas cuestións no ámbito da accesibilidade universal", demandaron. "Como consecuencia do dano cerebral, a vida e a familia [das persoas que o padecen cambia por completo de maneira súbita e inesperada" indicaron, e engadiron que "actividades que antes facían sen problemas como usar o transporte público ou renovar o pasaporte poden supor un enorme esforzo físico e cognitivo".

Así, a federación demandou a necesidade de impulsar unha estratexia estatal de atención ao dano cerebral adquirido que "garanta unha atención coordinada, integral e multidisciplinar" a cada persoa, "independentemente da súa situación socioeconómica e do seu lugar de residencia". Tamén pediron a elaboración dun censo completo do número de persoas con esta lesión; a creación da categoría diagnosticada; e que se inclúa a familia como beneficiaria do proceso de atención e "non só como colaboradora".

Outros actos

Ademais do acto en Santiago, a Asociación de Dano Cerebral Adquirido (Adace) tamén conmemorou a xornada con actividades decorridas en Lugo, en Culleredo e na Coruña.