A marcha polo Pindo exixe responsabilidades: ''o desleixo da Xunta tamén prende lumes''

[Imaxes: Olalla]

O roteiro reivindicativo convocado pola Asociación Monte Pindo rematou no lugar de Chan das Lamas após dúas horas e media de camiñata. Reclamáronse demisións a berros, así como a declaración de Parque Natural para este lugar.


"Protección real" para o Monte Pindo e a demisión "dos responsábeis da destrución da nosa Patria, que nos fixo ser como somos hoxe". Coa leitura dun manifesto por parte do presidente e o secretario da Asociación Monte Pindo, Xilberto Caamaño e Mario Maceiras, rematou o roteiro 'Do negro ao verde', no cal se implicaron por volta de 500 persoas malia a intensa chuvia que este sábado caeu tamén en Carnota.

Así as cousas, a marcha verde arrincou por volta das once da mañá desde os dous lados do Pindo: desde a praza da Solaina e desde Caldebarcos. O mal tempo obrigou a cubrir as prendas verdes con chuvasqueiros, mais aínda así o obxectivo da acción reivindicativa, devolverlle a vida a un monte arrasado polas lapas, mantívose vivo grazas as cores da roupa e dos paraugas d@s centos de camiñantes.

Negro, espido e cheirando a queimado

Desde que o lume reduciu a cinzas máis de 2.400 hectáreas deste espazo natural protexido, andar as súas ladeiras ten un cheiro que recorda a catástrofe. Cheira a fume, a queimado, a borralla humedecida pola auga que leva caído. A imaxe dun monte completamente negro e espido impacta. Provoca unha mistura de carraxe e impotencia que contaxia a todas as persoas que fixeron parte do roteiro.

"Este é o paradigma de como o lume non é só a causa dun misto que o prende, senón tamén do desleixo da Xunta", sinalou Xilberto Caamaño unha vez concluída a camiñata. O acontecido neste fermoso e frondoso monte do cal @s veciñ@s conservan só a lembranza do que foi "demostra a desastrosa política de prevención" e deixa ao descuberto "unha política forestal dirixida aos intereses das grandes empresas da madeira e pasteiras".

A mangueira de Feijóo volve á memoria

A imaxe de Feijóo facendo que sofoca un incendio durante a vaga de lumes de 2006 vestido con roupa de marca e sostendo unha mangueira fica tamén na retina de tod@s @s galeg@s. "Mudou a mangueira polas tesouras de podar", ironizou o presidente da Asociación Monte Pindo, quen reclamou a demisión da responsábel de Medio rural, Rosa Quintana, e do Medio ambiente e Territorio, Agustín Hernández, pola responsabilidade que tiveronna queima do Olimpo Celta.

Berros de 'Monte Pindo Parque Natural' e un prolongado e emotivo aplauso puxeron o punto e final á mobilización, da cal fixo parte tamén o alcalde de Carnota, Ramón Noceda. No pensamento d@s camiñantes, a mesma chamada á loita que aparecía escrita na faixa da plataforma ContraMINAcción, que tamén tomou parte no roteiro: Defendamos a Terra fronte ao capital.