A Marcha Mundial das Mulleres debate a resposta ás agresións do patriarcado

[Imaxe: MMMGaliza]

Desde a quinta feira a Marcha Mundial das Mulleres realiza en Vigo un encontro no que analiza a situación política en Europa, prepara a axenda dos próximos anos e debate arredor das respostas ás agresións que sofren as mulleres.

Vigo converteuse esta fin de semana no epicentro do debate arredor da igualdade e do empoderamento das mulleres. Galegas, curdas, turcas, gregas, belgas, vascas, suízas e portuguesas analizan desde a quinta feira a situación actual.

Na primeira das xornadas, a Marcha centrou o discurso na denuncia das agresións ao corpo e aos territorios e colocou sobre a mesa as alternativas do feminismo e os movementos políticos de resistencia. O sábado abordouse a preparación da mobilización dos próximos anos e a axenda do encontro internacional que terá lugar en África en outubro.

Este domingo escollerase o novo secretariado europeo e aprobarase a axenda que se desenvolverá en Europa nos próximos meses. Aliás, debaterase sobre a construción dunha axenda conxunta que dea resposta á criminalización e á represión das alternativas políticas ao actual sistema económico e político.

A situación en Turquía e as refuxiadas

Entre os temas que se tratan en Vigo atópase a situación que sofren as mulleres curdas e turcas baixo o réxime de Erdogan. Yildiz Temürtürkan, integrante do Secretariado Europeo e do Comité Internacional, denunciou o “Goberno fascista e misóxino de Erdogan, un goberno criminal que iniciou una guerra contra a esquerda social e as mulleres e homes curdos empregando para isto na maioría dos casos accións criminais e terrorismo”. Yildiz engadiu que “o soporte do goberno do Estado español a Erdogan non é a solución ante a crise de refuxiadas que se vive ás portas de Europa porque él é tamén responsábel desta crise política”.

A crise das refuxiadas foi outra das cuestións sobre as que se debateu nas xornadas anteriores. Tika Voula, membro da coordinadora grega da Marcha Mundial das Mulleres, lembrou que “hai moitas mulleres novas viaxando soas, expostas a todo tipo de agresións, do mesmo xeito que as crianzas retidas en estancias policías ou abandonadas á súa sorte en territorio europeo. Precisamos organizar accións conxuntas para denunciar esta situación e presionar para una solución”. Neste sentido a Marcha comprometeuse a seguir traballando pola fin da guerra, pola apertura das fronteiras e polo acollemento e a seguir a denunciar os ataques fascistas contra as refuxiadas.

A Marcha tamén denunciou a “forte criminalización da loita, con persecucións e agresións que aumentan e que se realizan a través dos Estados con leis represivas, de ilegalización de colectivos e con violencia dos corpos militares”. “Fronte a esta criminalización facémonos máis fortes”, proclamaron as participantes.