A Marcha Mundial das Mulleres convoca un Encontro Nacional na Estrada

Mobilizacion feminista en Compostela.
Baixo o lema 'Feminismo para transformar a vida', terá lugar o vindeiro 20 de novembro.

A Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres fixo o ano pasado o seu 20 aniversario. Xa con 21 anos de vida, busca celebrar o tempo adicado a construír "un feminismo de base, anticapitalista, antirracista e antiimperialista na Galiza". Ao longo destes anos, declaran, "contribuímos para a construción dun feminismo galego centrado no país, forte, con capacidade de incidencia social e con voz de seu no mundo en pé de igualdade co resto de pobos" .Por iso, a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres organizará o próximo 20 de novembro un Encontro Nacional na Estrada, para "rearmarse, redefinir as prioridades e os espazos de loita, reforzar unha reivindicación radical da transformación social e construír redes de traballo sólidas". 

 

O Encontro Nacional convocado para novembro, baixo o lema “Feminismo para transformar a vida” permitirá "pór en común coas nosas compañeiras aqueles eixos de traballo que nos ocupan no día a día alén das datas de reivindicación histórica

 

O colectivo reivindica a súa contribución á "construción dun percurso histórico cheo de reivindicacións e conquistas sociais que hoxe continúan e seguen medrando. Impulsamos e participamos da mobilización das mulleres ante a catástrofe do Prestige, o nacemento dun protocolo nacional de resposta ante os feminicidios que comezou coa mobilización de apenas catro ou cinco localidades e que hoxe consegue mobilizar a medio cento, a reivindicación da transformación das políticas públicas en materia de igualdade, a demanda dunha Lei de igualdade avanzada que finalmente se acadou na Galiza e hoxe continúa estando moi por diante da lei estatal, a lei de interrupción do embarazo… e a recente victoria de impedir o peche do paritorio de Verín que demos en alianza coas compañeiras da sanidade pública e as veciñas da comarca… son tantas as loitas que temos dado…".

A Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres organizou na Galiza o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial e dous Encontros Europeos recibindo a mulleres dos cinco continentes para o debate e a reflexión feminista. "Acompañamos tamén as cinco accións internacionais da Marcha Mundial das Mulleres (2000, 2005, 2010, 2015 e 2020) dando presenza a Galiza e ao feminismo galego nestes eventos mundiais e levando a nosa voz e as das nosas compañeiras a todos os rincóns do planeta", declaran nun comunicado.

O Encontro Nacional convocado para novembro, baixo o lema “Feminismo para transformar a vida” permitirá "pór en común coas nosas compañeiras aqueles eixos de traballo que nos ocupan no día a día alén das datas de reivindicación histórica. Resituar os debates no País e nas consecuencias que para as mulleres traballadoras galegas ten o patriarcado capitalista, racista e colonial e cales son os retos e as ideas que podemos pór en común para afrontalos", así como " rearmarse, redefinir as prioridades e os espazos de loita, reforzar unha reivindicación radical da transformación social e construír redes de traballo sólidas que nos permitan intervir no día a día en chave feminista e anticapitalista".