Esta terza en Ourense e Compostela, a cuarta na Coruña

Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións en repulsa polo asasinato de Marielle Franco

Marielle Franco, nun acto público o mesmo día en que foi asasinada

A Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións esta terza feira en Ourense e Compostela -e a cuarta feira, na Coruña- para expresar a súa indignación perante o asasinato da activista feminista brasileira Marielle Franco.

As concentracións de Ourense e Compostela darán comezo ás 20:00 horas, na Subdelegación do Goberno e no número 22 da rúa Alfredo Brañas, respectivamente. A manifestación da Coruña partirá ás 19:30 horas da praza de Vigo.

 

Desde a Coordenadora Galega da MMM denuncian a escalada de violencia en Río de Janeiro, acrecentada coa intervención militar decretada por Temer este mesmo ano. Segundo informaba o diario O Globo, as balas coas que foi asasinada a activista pertencían a un lote adquirido pola Policía Federal brasileira, co que se demostraría a relación entre o crime e as forzas paramilitares do Brasil.