A Marcha Mundial das Mulleres convida a sumarse mañá a unha acción feminista colectiva

Imaxe dunha acción reivindicativa da Marcha Mundial das Mulleres.
A Marcha Mundial das Mulleres anima as galegas a sumarse á acción convocada para mañá a nivel global para denunciar o papel das empresas transnacionais na explotación dos territorios e das vidas.

A iniciativa, que a Marcha  Mundial das Mulleres está a difundir a través das súas redes sociais baixo o lema "A vida vale máis que as ganancias", quere denunciar o papel do capitalismo e, en concreto, das empresas transnacionais, na precarización da vida.

Con consignas do tipo "O sistema de agricultura industrial tóxico e químico crea e propaga enfermidades que nos poñen en perigo", "O virus é o capitalismo" ou "Resistimos a mecantilización do feminismo, marchamos até que todas sexamos libres", a proposta chama a unirse a esta reivindicación global con estas ou outras frases.

Para sumarse, a organización feminista convia a gravar un vídeo e envialo ao enderezo marchagaliza@gmail.com ou o teléfono 652140217, a través de Whatsapp ou Telegram. Os vídeos poderanse acompañar de cartaces coas frases que se mencionan e o logo dalgunha transnacional que se queira denunciar polas súas prácticas.