Marcha Mundial: "O acto da Xunta, máis que celebrar o 8 de marzo, será un insulto á memoria de Rosalía''

Acción reivindicativa da MMM realizada en Vigo baixo o lema 'Marcha con nós para cambiar o mundo'. Ano 2008
Esta sexta feira pecha a campaña europea 'A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos', que a Marcha Mundial encetou o 4 de outubro de 2012 co obxectivo de colocar a loita das mulleres por unha vida digna no albo do debate. Aproveitamos o Día internacional para facer balance canda Ximena González


Cóntenos como foi a campaña, faga favor.

Estivemos envoltas nela desde outubro e temos realizado numerosas actividades: 17 de outubro, Día contra a pobreza; 25 de novembro; 10 de decembro coas 24 horas de acción feminista no mundo; denunciando a violencia con cada asasinato machista e agora o 8 de marzo... imaxina! Non paramos.

Foi un reto argallar a nivel europeo unha campaña simultánea en tantos países e termos unha axenda propia para as revindicacións feministas no País cando están sendo atacados todos os sectores públicos e os dereitos que mulleres e homes fomos conquistando.

Neste contexto, conseguir que a voz das mulleres sexa ouvida é difícil, mas cremos que o conseguimos. Nós coa nosa campaña e o resto das compañeiras galegas coas súas actividades.

O lema da campaña fixo referenza á crise capitalista. As mulleres falamos de crise moito antes de 2008. Por que non se nos ouviu?

Porque non interesa. Porque se escoitasen a nosa voz terían que facer caso das alternativas que temos. Porque temos alternativas. Non interesa ouvir que hai que mudar este sistema baseado na explotación e na mercantilización das vidas e dos corpos por un en que unha vida digna de ser vivida sexa o centro das políticas.

Porque, fronte á división sexual do traballo, as mulleres opomos a valorización dos coidados e unhas políticas destinadas a garantir o acceso aos bens comúns, aos sevizos públicos, co-educación, sanidade pública, cultura, liberdade e dignidade para tod@s. Non se nos escoita porque non queremos reformar este sistema asasino. O que queremos é derrubalo para construír outro diferente.

É claro que o 8-M serve para colocar os dereitos das mulleres no centro do debate social. Abonda cun día ao ano?

Non, claro que non. Por iso non saímos á rúa só nas datas que as mulleres reivindicamos como propias e que, moitas veces, están incluso asimiladas polo sistema. Eses días todos os focos son para as mulleres, mais iso tamén leva á perversidade de termos que escoitar como desde institucións e espazos públicos se dan discursos edulcorados e moi pouco transformadores que non axudan a avanzar na loita pola nosa emancipación, só para calmar as conciencias no día que 'nos dedican'.

"Non interesa ouvir que hai que mudar este sistema baseado na explotación e na mercantilización das vidas e dos corpos"

Cómpre estarmos na rúa ocupando os espazos dos discursos contra o sistema para que estes sexan tamén feministas, para que as alternativas que xa se están a procurar para este sistema capitalista en que nunca poderemos ser libres sexan alternativas que nos sirvan a tod@s. Como ven din, a revolución será feminista ou non será e, para iso, a loita non pode ficar en dúas ou tres datas ao ano.

Sendo a discriminación por razóns de xénero transversal a todos os eidos das nosas vidas, onde dirían que se fai máis aguda?

Tendo claro que esa transversalidade fai que teñamos problemas de discriminación en todos os ámbitos, un dos ámbitos públicos no que máis aguda é é no ámbito laboral. Non só porque non percibamos igual salario a igual traballo, como demostran todos os datos que gostan de publicar, senón porque as mulleres seguimos nos traballos menos valorados socialmente, nos de soldos máis baixos e porque temos máis dificuldades para chegar aos anos de cotización que poidan garantir unha xubilación digna.

Con todo, hai outro ámbito en que a violencia segue a ser aguda e é o ámbito familiar. Aquí segue a ser difícil rachar cos roles e continuamos a ver como a violencia ten a súa cara máis dramática: o asasinato machista.

Campañas institucionais como a da Xunta en 2010 (conselleir@s disfrazad@s il de traballadora da limpeza e ela de empresario) ou a do Goberno de Madrid este ano, agasallando lenceiría e maquillaxe... axudan na loita contra os estereotipos ou son unha pedra no camiño?

O sistema pervirte o discurso feminista e convirte o 8 de marzo en algo totalmente patriarcal como pode ser agasallar maquillaxe para reivindicar o Día internacional das mulleres. De feito, eles han dicir 'celebrar', que non 'reivindicar'. Mas non son 'outra' pedra no camiño: os estereotipos heteropatriarcais son a pedra no camiño. E poderíamos pensar tamén que é hora de deixarmos de participar desas campañas institucionais de lavado de cara que non serven para avanzar nin para transformar a sociedade.

Que pensou cando soubo do lema con que a Xunta 'celebra' este 8 de marzo: 'Sen mulleres non hai Galicia'

Que o lema debera ser 'Co PP non hai dereitos para as mulleres'. O exercicio de cinismo do Partido Popular neste tema non ten límites. Estes señores son os que aprobaron a Lei de apoio ás mulleres embarazas e a Lei de Familia, que son ferramentas do sistema para lexislar sobre a vida e os corpos das mulleres, leis que pretenden devolvernos á casa, de onde imaxino que nunca quixeron que sairamos, e que voltan a sacralizar á familia nuclear como centro da sociedade.

As feministas levamos séculos denunciando o modelo de familia nuclear como un espazo de opresión das mulleres. Aí é a onde nos queren mandar os que din no lema que sen nós non hai País. O PP desmantelou nos primeiros tres anos de goberno practicamente todas as ferramentas postas en marcha para loitar contra a violencia machista, para atención das vítimas, para a saúde das mulleres, para a promoción do emprego feminino, para o recoñecemento das identidades diversas. Primeiro destrúen todo e despois inventan supostos plans de igualdade aos que non asignan orzamentos. Se seguen moito máis tempo no poder nin vai quedar Galiza nin van quedar dereitos das mulleres nin de ninguén en pé.

"O sistema pervirte o discurso feminista e convirte o 8 de marzo en algo totalmente patriarcal"

A Xunta homenaxeará a Rosalía e a todas as mulleres con Marta Rivera de la Cruz, escritora que dixo dela que "non era nin nacionalista nin feminista". É Rivera de la Cruz a persoa máis atinada para conmemorar o 8 de Marzo?

Dixo no twitter que Rosalía non era nacionalista e é moi amiga de Galicia Bilingüe. Iso xa nos pode dar o nivel da personaxe. O que sobran neste País son mulleres con talento, loitadoras, que queren Galiza, que aman a nosa lingua e que loitan polos dereitos das mulleres.

Porén, a Xunta só pode escoller xente á altura das súas políticas, con actitudes miserábeis cara á nosa lingua e á nosa escritora máis universal. Máis que a celebración dun 8 de marzo vai ser un insulto á súa memoria nun 8 de marzo. A min o que se me ocorre decirlles é 'Quitade as vosas sucias mans de Rosalía e do 8 de marzo!'

Cal é a seguinte acción da Marcha?

A deste sábado, a manifestación nacional das feministas galegas que, por segundo ano consecutivo, nos convoca a todas a saír á rúa xuntas polos nosos dereitos. As compas da marcha de Vigo preparan un trivial feminista que vos vai encantar. As compas de Ferrol seguen loitando contra a prohibición de lembrar ás mulleres asasinadas con siluetas, aínda que ogallá non teñamos que pintar outra xamáis, En Ourense estamos preparando as actividades que achegamos ao espazo cultural da cidade. As compañeiras de Compos tamén artellan cousas... Como che dixen ao comezo, non paramos!