Unha marcha lembrará as vítimas nas residencias e denunciará Núñez Feixoo

As asociacións de familiares están moi preocupadas coa situación actual en nove residencias de maiores (Imaxe: Europa Press)
Familiares de usuarias de centros de maiores, traballadoras e pensionistas están a organizar a primeira marcha para homenaxear as vítimas da COVID-19 en residencias e denunciar a responsabilidade da empresa DomusVi e de Feixoo, a quen tamén acusan de non informar de cantas mortes se produciron en cada centro.

Asociacións de familiares de persoas usuarias de residencias de maiores, traballadoras destes centros e pensionistas anunciaron a Nós Diario que están en conversas para organizar a primeira marcha galega en homenaxe ás vítimas do coronavirus falecidas en residencias e para pedir a depuración de responsabilidades ás Administracións e ás empresas destes centros. A marcha tamén servirá para sinalar a responsabilidade de dúas persoas: o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e Josefina Fernández, a CEO (directora executiva) da empresa DomusVi. 

A marcha levarase a cabo con todas as garantías sanitarias e de seguridade, salientan as asociacións, e será ou ben a finais deste mes de maio ou ben a principios de xuño, pero xa hai acordo para levala a cabo. 

O contaxio descontrolado do coronavirus nas residencias da Galiza xa arrebatou a vida a 266 persoas maiores, segundo indicaban os últimos datos fornecidos no día de onte polo Sergas. Porén, continúan sen publicarse as cifras totais de falecementos vinculados a cada residencia. "O Goberno de Feixoo secuestrou o pasado 30 de marzo a información sobre o número de mortes en residencias. 38 días despois seguimos sen saber a cifra real do número de falecementos".

O presidente da federación de asociacións de familiares de usuarias de residencias REDE, Paulino Campos, denuncia así os datos que difunde a Xunta, xa que non computan a cada centro as persoas maiores que enfermaron de coronavirus nas súas dependencias mais que posteriorimente morreron nun hospital ou residencia integrada. 

O Goberno é “macabro e ruín”, di Campos, que considera que a Xunta "pode estar a cometer un delito porque non informa da realidade da pandemia, ao ocultar a verdade das residencias".

Desde REDE ilustran esa "ocultación de datos" por parte da Xunta denunciando dous casos paradigmáticos: o do centro de DomusVi en San Lázaro, Santiago, onde segundo REDE se produciron máis de 50 falecementos e só se lles atribúen 22, sinalan; e o da residencia privada San Carlos de Celanova, onde REDE computa 11 falecementos a pesar de que só se lle asigne un.  

A situación nas intervidas

As familiares recoñecen que "a situación mellorou" nas residencias intervidas pola Xunta de DomusVi no Barreiro, en Vigo, e Aldán, en Cangas, e respiran con certa tranquilidade ao saberen que a intervención aínda non remata, "non por decisión da Xunta, senón porque a empresa non cumpriu a súa parte, que era buscar persoal substituto adecuado para facer fronte á situación", lembra Campos.

De feito, o presidente de REDE pregúntase quen vai querer traballar para DomusVi para substituír o persoal da Xunta que agora está nas residencias intervidas se o que a empresa lle vai pagar rolda os 900 euros. Con todo, as familiares si están preocupadas co futuro nestes centros, xa que a finais deste mes, en teoría, remataría a intervención da Xunta. 

9 centros moi preocupantes

Alén das intervidas, nas que tamén estaría a de Valdeorras, en REDE preocupa a situación das residencias de DomusVi San Lázaro e A Nosa Señora da Esperanza, da Fundación San Rosendo, en Ourense. Entre as dúas suman máis de 80 falecementos, pese a que nas contas oficias atribúenselles 43, informa o colectivo. A residencia de Celanova, sen dirección nin médica, onde tardaron 30 días en ter enfermeira, e con 11 mortos, aínda que oficialmente se atribúa 1, é o exemplo máis cruel do "abandono".

Na Coruña a alarma está na residencia de Santa Teresa de Jornet, cunha trintena de mortes e onde as familiares denuncian unha actuación "irresponsábel e perigosa" das monxas ante a pandemia, até que o Sergas se fixo cargo. Outros centros que preocupan son o de Crecente, os de DomusVi de Matogrande, na Coruña;  e o de Concepción Areal, tamén na Coruña, de titularidade pública e xestionado por DomusVi. 

"Hai unha conivencia clara na xestión da pandemia entre os dous principais responsábeis dos falecementos: as empresas, sobre todo DomusVi e a Fundación San Rosendo; e a Administración", salienta Campos. REDE sinala ademais que "nos últimos días púxose en marcha unha estratexia común de "lavado de maxe" común para a Xunta e estas corporacións. 

A metade das mortes na Galiza por coronavius están vinculadas a residencias

Case a metade dos falecementos por mor da COVID-19 que se produciron na Galiza foron de persoas usuarias de residencias. Segundo os datos fornecidos no día de onte polo Sergas, do total das 586 mortes na Galiza por coronavirus, 266 foron persoas vinculadas aos centros de maiores e de discapacidade, das cales 132 morreron nas propias residencias e 134 en hospitais e residencias integradas ás que foran trasladadas após enfermaren. A taxa de falecementos deixa un dato drástico: 98,7% das defuncións producidas no interior das residencias corresponden a centros privados e a aqueles públicos cuxa xestión recae en corporacións privadas.

Pola contra, só 1,7% das mortes en residencias aconteceron dentro de centros con titularidade e xestión totalmente pública.