En marcha a II Deseucaliptización simultánea polos montes galegos

Coordinada por Cousa de Raíces.

Haberá II Deseucaliptización simultánea. Após o éxito da primeira, con máis de   205.000 exemplares de eucaliptos e acacias eliminados dos montes galegos nunha iniciativa que implicou máis de 360 persoas, Cousas de Raíces decidiu impulsar una segunda edición, desta volta para conmemorar o Día Mundial do Ambiente.

 

Máis de vinte colectivos tomaron parte naquela edición que decorreu en marzo. Esta será a principios de xuño. Entre as participantes, as Brigadas Deseucaliptizadoras, convocan no marco desta iniciativa coordinada por Cousa de Raíces catro rogas: no monte do Calexón, en Valón (Doniños, Ferrol); na Área Conservada pola Comunidade de Froxán (Vila Cova, Lousame); no monte de Lentille (Cenlle) e no monte veciñal en man común de Rebordelo (Cotobade).

 

Os resultados obtidos na I Deseucaliptización Simultánea de Galicia confirman para a rede Cousa de Raíces que gran parte da sociedade galega aposta e pula por outro modelo forestal , no que se primen as especies autóctonas e se eliminen aquelas outras que están a crear “un agravio ambiental, cultural e paisaxístico para o noso territorio. Tamén demostran que as accións colectivas de voluntariado, por puntuais ou pequenas que sexan, poden exercer unha grande influencia no destino dos nosos montes”.