A segunda feira, 9X

A Marcha homenaxea todas mulleres kurdas asasinadas

Enterro das activistas kurdas executadas en París

A viguesa rúa do Príncipe (enfronte do Marco) será o espazo onde se desenvolva a próxima segunda feira, 9 de xaneiro, unha concentración da Marcha Mundial das Mulleres en lembranza de activistas kurdas asasinadas.

A Coordinadora Local da Marcha Mundial das Mulleres de Vigo adhírese á campaña europea da MMM na que se estipula o 9 de xaneiro como día para lembrar “todas as irmás mortas mentres loitan por un mundo mellor”. A data non é casual. O 9 de xaneiro de 2013 foi o día en que atoparon mortas  no centro de información do Kurdistán en París Sakine Cansiz, Fidan Dogan e Leyla Soylemeza. As tres asasinadas apareceron con feridas de bala no pescozo e no peito.

Aos asasinatos destas tres militantes seguíronlles outros como os do 5 de xaneiro de 2016, en Silopi, no norte do Kurdistán, onde o exército turco mataba tres mulleres kurdas. A MMM tamén lembra os arrestos do 11 de setembro de 2016, cando foron apresados 37 co-alcaldes de municipios kurdos “sen motivo aparente”.

A concentración terá lugar a segunda feira, 9 de xaneiro, ás 20h, fronte ao Marco. Trátase, sinalan as feministas, dunha acción solidaria “coas irmás kurdas asasinadas na súa loita pola liberdade, poñendo en perigo as súas vidas para loitar polos dereitos do seu pobo”.