Unha marcha cívica denuncia en Moaña a "volta ás malas prácticas" nas residencias DomusVi

As familias de residentes no centro DomusVi de Cangas impulsan as mobilizacións.
Familias de residentes na residencia DomusVi de Aldán, en Cangas, falecidas por coronavirus realizan unha marcha cívica para exixir unha investigación do acontecido nestes centros durante a pandemia e denunciar a "escandalosa volta ás malas prácticas".

"Queremos saber que pasou, por que se lles negou ás persoas residentes a oportunidade de ir a un hospital, por que morreron tantas persoas nas residencias privadas e por que non se tomaron medidas", resume Xosé Bernárdez, presidente da asociación Vellez Digna e membro da federación de familiares de persoas usuarias de residencias e dependencia, a REDE, un dos integrantes na marcha cívica que, desde as 10.30 horas, percorreu Moaña para "informar a poboación do que ocorreu na residencia de Aldán", onde faleceron 38 persoas, segundo as entidades convocantes. 

A mobilización, iniciada diante do Concello, rematou no miradoiro do Con, nas proximidades da casa adquirida  pola familia do presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo

"A Xunta ten que mandar equipos médicos ás residencias, comprobar as secuelas das persoas residentes pola pandemia e o confinamento, porque sabemos que son moi serias, e tratar a quen o precise", demanda Bernárdez, que culpa DomusVi de non atender as necesidades das persoas usuarias e de "escurantismo".

"Volven fechar para que ninguén saiba o que está a ocorrer dentro, pero están outra vez por debaixo das ratios profesionais, sen fisiotrerapeuta e especialista en psicoloxía polas políticas da empresa de non cubrir as vacacións", censura o portavoz, que estende as carencias ao persoal médico e de enfermaría.  "Parécenos gravísimo que se deixe os residentes fóra do sistema de saúde, non se lles valoren as secuelas e tampouco se lles traten. Teñen que ser as familias, cando poden, as que se encarguen", advirte.

Como levan demandando nas sucesivas mobilizacións, as familias exixen "que a Xustiza actúe de oficio", para investigar o acontecido durante os peores meses da pandemia nas residencias de xestión privada, para determinar "por que alí morreu moita máis xente que nas públicas".