Unha marcha-cacerolada exixirá en Compostela solucións aos danos da fauna salvaxe

Piden un control efectivo desas poboacións, indemnizacións xustas e maior aposta na prevención. A manifestación do 8 de maio está convocada pola Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa), Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), Federación Rural Galega (Fruga) e Sindicato Labrego Galego (SLG).

O vindeiro 8 de maio terá lugar en Compostela unha manifestación para exixir da administración solucións “urxentes” fronte aos danos causados pola fauna salvaxe. Está convocada pola Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa), Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), Federación Rural Galega (Fruga) e Sindicato Labrego Galego (SLG). Avogan por “un necesario equilibrio ecolóxico no que poidan convivir as persoas, as actividades agrogandeiras e a fauna salvaxe”.

 

A mobilización responde a unha serie de demandas, como a de que a Xunta, como responsábel da xestión da fauna salvaxe de Galiza, debe ter un control desas poboacións. “Esiximos medidas concretas como a elaboración de censos de poboación das diversas especies silvestres por comarcas para determinar en que zonas existen desequilibrios e actuar en consecuencia”.

 

As indemnizacións “xustas” centran outras das reivindicacións. “A Xunta debe ser a responsábel civil subsidiaria de 100% dos danos causados pola fauna salvaxe, xa que o seu mantemento e conservación é unha responsabilidade do conxunto da sociedade galega. Por ese motivo, esiximos que se cubra a totalidade das perdas causadas por especies salvaxes e, en concreto, que se cree con carácter de urxencia o fondo de corresponsabilidade previsto xa pola Lei de Caza en 2013.”

 

O control sanitario efectivo da fauna salvaxe e o financiamento suficiente para as medidas de prevencións son outras demandas, así como que a medio e longo prazo “é necesaria unha ordenación do territorio”.