Unha marcha ao cárcere da Lama reivindica o “dereito á saúde” das persoas presas

Decorre este sábado.

Este sábado, 26 de setembro, terá lugar unha marcha á prisión da Lama, andaina que partirá ás 11:00 horas desde o estacionamento do punto limpo. Unha marcha marcada desta vez pola Covid e o seu impacto na poboación reclusa.

 “Atendendo as recomendacións das máis altas institucións en materia de saúde pública, a maioría dos estados europeos reduciron o número de presas e de presos para evitar os riscos da pandemia. Pola contra, o Estado español non fixo máis que agravar a situación da nosa xente presa, quitándolles un tras outro os seus dereitos”, indixcan.

“Denunciamos a actual situación sanitaria dentro dos cárceres, totalmente insuficiente nunhas condicións normais, pero que resulta moi preocupante nun contexto de alarma sanitaria. Esta situación é a que explica as medidas que se toman para abordar a crise: resulta máis barato restrinxir os dereitos dos reclusos que solucionar esta grave desatención médica. Frente a gravidade desta situación, esiximos a excarceración das persoas presas vulnerables (as gravemente enfermas,as maiores de 60 anos e con patoloxías previas crónicas) e das mulleres embarazadas e con crianzas, así como das persoas con enfermidades mentais ante un agravamento da súa saúde a consecuencia da vivencia dentro dun contexto de incertidume e maior illamento social. Esiximos o dereito á saúde das persoas presas. Se o coronavirus entra na prisión, haberá que baleirar os cárceres”.