O PRIMEIRO CASAL LÉSBICO DA GALIZA E DO ESTADO ESPAÑOL

Marcela e Elisa, o amor prohibido

Marcela Gracia e Elisa Sánchez o día do seu casamento o 8 de xuño de 1901

As dúas coruñesas casaron o 8 de xuño de 1901 na Igrexa de San Xurxo. Fuxiron a Porto e de alí a Bos Aires perseguidas pola xustiza española e a moral cristiá.

No serán da segunda feira BNG-Nós Candidatura Galega desenvolveu un acto co que visan instaurar o Día da Visibilidade lésbica galega o 8 de xuño. Fixérono rendendo homenaxe a Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, dúas mulleres da Coruña que casaron nesa data mais en 1901 converténdose no primeiro casal lésbico da Galiza e do Estado español. 

Coñecéronse na Escola Normal de Mulleres mais non sería até se tornaren en mestras, na comarca de Bergantiños, cando comezarían a súa relación

A súa historia remóntase aos estudos de maxisterio de Marcela na Escola Normal de Mulleres. Foi aí onde coñeceu Elisa, traballadora do centro. Axiña ambas as dúas mulleres desenvolveron unha estreita amizade que aos poucos foi tornando en máis. Marcela tiña 18 anos e Elisa 23, segundo relata no seu libro, Elisa e Marcela. Alén dos homes (NigraTrea, 2003) o investigador e profesor da UDC, Narciso de Gabriel

Porén, non sería até a volta de Marcela de Madrid, a onde a enviou a familia para a afastar de Elisa, cando comezarían unha relación. Ambas as dúas tornaran mestras na comarca de Bergantiños, Elisa na escola rural de Couso e Marcela na de Traba e embora moraban a 11 quilómetros de distancia, iso non impedía Elisa camiñar de noite para durmir coa súa compañeira. A vontade por normalizaren a súa relación por mor dos atrancos levounas a deseñar un plan. 

O casamento

Elisa comeza a espallar a idea de que marcha emigrada para A Habana mentres que Marcela anuncia o seu casamento cun mozo inglés, Mario, como recolleu o xornalista Carlos C. Varela na reportaxe O exílio portuense das “Safo Galegas” publicada polo xornal portugués Mapa.

"Que saia esa! Que saia o marimacho!", berraba a veciñanza de Vimianzo que exixía ver os xenitais de Elisa

Así comeza a transformación de Elisa en Mario. Deixa bigode, viste roupas masculinas e comeza a fumar. Preséntase na Coruña como protestante e inicia os trámites para poder casar con Marcela, a comezar por se bautizar. O 8 de xuño de 1901 casan da man de Victor Cortiella, párroco na Igrexa de San Xurxo, quen descoñecía a verdadeira identidade de Elisa. De facto, segundo as pescudas de Narciso de Gabriel, só a nai de Marcela sabía do travestismo de Elisa. 

Porén, as dúbidas sobre a identidade de Mario comezan a erguer sospeitas entre a veciñanza de Calo (Vimianzo) onde residen. Finalmente recoñecen Elisa á que exixen examinar os xenitais para verificar que se trata dunha muller. "Que saia esa! Que saia o marimacho!", berra a multitude. O conflito salta á imprensa e tamén chega aos tribunais. 

A imprensa e a fuxida a Porto

O 22 de xuño a primeira do xornal La Voz de Galicia titulaba, “Asunto ruidoso: un matrimonio sin hombre”. E non fica aí. Días despois, o 24 de xuño, publica un artigo asinado por un presunto doutor que acusa "Mario-Elisa e Marcela" de "enfermas cuya neuropatía no castigan los códigos, pero que tienen un departamento a ocupar en el Manicomio de Conjo, en donde quizás no logren ser curadas, pero si estudiadas por el sabio Sánchez Freire, y por lo menos allí recluidas evitaremos que se propague su enfermedad, que suele ser contagiosa por el ejemplo, y que por fortuna en nuestras provincias gallegas no sólo no abunda, sino que es rarísima"

O xuíz da Coruña, Pedro Calvo, emitiu o 1 de xullo unha orde de búsqueda e captura contra as dúas mulleres, que fuxiran para Porto. A Garda Civil de Vigo e a policía portuguesa comezarían a buscalas. 

No Porto moran en varias pensións, a primeira en Bonjardim (A Mesquita), a segunda na Praça da Batalha, onde foron detidas o 16 de agosto. Por orde do comisario Adriano Acácio de Moraes son interrogadas e trasladadas á prisión de Aljube. Postas a disposición xudicial son acusadas dun delito de indocumentación, falsidade documental e travestismo no caso de Elisa. Posteriormente son encarceradas na Cadeia da Relação

A imprensa portuguesa inicia unha campaña de recollida de diñeiro através de subscricións populares coas que axudar as dúas mulleres galegas. "O Jornal de Notícias xuntará 18.000 reis, O Norte 1.000, O Primeiro de Janeiro 1.500… Tamém no Café Lisbonense [nel traballara Elisa] onde, aliás, recollen roupa de loito para Elisa, cuxa tia acababa de falecer en Santiago de Compostela. O fotógrafo José Rodrigues entregalles 17.000 reis que obtivera de vender un retrato que lles tirara na prisión", sinala Carlos C. Varela no Mapa

Símbolo internacional

Marcela e Elisa son postas en liberdade o 29 de agosto mais detidas de novo polo que non sairían definitivamente da prisión até máis tarde descoñecéndose a data concreta.

Eduardo Galeano e Isabel Coixet interesáronse pola historia de Marcela e Elisa

Voltarían a Dumbría mais o cuestionamento social, baseado na moral cristiá, faríaas marchar para Vigo e finalmente coller un barco con destino a Bos Aires. Antes, terían unha crianza. Unha meniña. Segundo o libro de Narciso de Gabriel, o Jornal de Notícias recolleu que perante a expectación mediática causada polo nacemento, Elisa enfrontouse á imprensa "É cousa doutro mundo que unha mulher teña um fillo ou unha filla? Non hai nada máis natural. Non somos criminais"

Xa na Arxentina Marcela casaría cun home 24 anos maior cá ela, segundo as investigacións de Narciso de Gabriel. Elisa acompañábaa xunto coa crianza facéndose pasar por irmá. O casamento teríase disolto en 1904 após descubrir o home a relación entre as dúas mulleres. 

A historia destas galegas, símbolo do movemento LGTBiQ embora a súa historia ser aínda descoñecida na Galiza, será levada ao cinema pola directora catalá Isabel Coixet. O guión foi presentado e enriquecido no Festival de Cans en 2012. Pola súa banda, o escritor uruguaio Eduardo Galeano recolleu a súa historia no libro Los hijos de los días cun texto intitulado 'Sacrílegas'

 

**Imaxes. (Capa). Fotografía tomada no día do casamento. (2). Primeira páxina da Voz de Galicia o 21 de xuño de 1901 dando conta da nova. (3). Imaxe tomada na prisión portuguesa.