Unha maratón entre Melide e Santiago portou alancada a alancada o rexeitamento a Altri e á reapertura da mina de Touro
Unha decena de corredores de montaña federados, acompañados pola veciñanza en diferentes tramos, completaron os 55 km entre a vila melidá e a capital galega, levando unha mensaxe clara: a oposición a ambos os dous proxectos. Ao tempo, chamaron a toda a sociedade galega a participar na manifestación do día 14 en Compostela.
Unha decena de corredores de montaña federados, en representación de Ulloa Viva e a plataforma veciñal contra a Mina de Touro, percorreron este domingo os 55 quilómetros desde Melide a Santiago en contra de Altri e da reapertura da Mina de Touro.
A carreira, realizada baixo o lema 'De Melide a Santiago, correndo polo Ulla’, desembocou nunha concentración no lugar da meta, na praza do Obradoiro. Nela, os organizadores lerán un manifesto e a convocatoria da manifestación prevista para o próximo 14 de decembro.
“Chove e venta, pero non importa”, manifestaba a Nós Diario Adrián Riadigos, un dos corredores, cando estaba a 1,5 km de chegar á fin da etapa no Pino. “O que importa é seguir co espírito en pé” contra ambos os dous proxectos.
Adrián lembra que esta disciplina deportiva, a carreira de montaña, “é moi dura” e que este acto ten lugar na pretempada, polo que o número de participantes é mais ben simbólico. Ademais, houbo baixas de última hora pola gripe. Mais teñen claro que se a Xunta da Galiza “non volve pola xente” e mantén o apoio ao proxecto de celulosa para a Ulla, seguirán coas protestas. Barallan, neste sentido, unha nova marcha pòlo monte, unha carreira entre O Cebreiro e Compostela.
“Hai que defender a ría e as comarcas do interior, isto é un risco para a gandaría, o marisqueo, a veciñanza... Hai que defender Galiza si ou si” fronte Altri, conclúe o corredor.
Segundo o comunicado das organizacións, o obxectivo é mostrar a "repulsión e oposición" aos dous proxectos que afectan as localidades da Ulloa e Touro-O Pino.
"A idea partiu duns corredores que pensaron que era unha boa idea correr coas camisetas contra Altri e a reapertura da mina para visibilizar a necesidade que hai de parar estes proxectos", explicou a portavoz da Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, Che Cancelo, que os define como os "perigos ambientais máis importantes" da Galiza.
"A presión social é a única forma de parar estes proxectos", apunta Cancelo, que anima a "manifestar" o rexeitamento contra eles en accións como esta ou a manifestación do 14 de decembro. "O Goberno galego está a facilitar ás empresas", critica e, por iso, ve "importantísimo presionar nestes momentos".
A Plataforma Veciñal expuxo a "ameaza" que supoñen ambas as dúas iniciativas para a conca do Ulla e a ría de Arousa. Pois, de levarse a cabo finalmente, trataríase dunha " agresión ao medioambiente, a economía e a saúde pública".
Os corredores, todos eles federados, saíron ás 7:30 desde a praza principal de Melide. E, antes de chegar á praza do Obradoiro, realizaron paradas en Arzúa, no Pino e no monte do Gozo.