Entidades sociais e ecoloxistas urxen a "dar carpetazo" á celulosa que Altri proxecta na Ulloa

En primeiro plano, de esquerda a dereita: Xaquín Rubido, Juan Pedro Sánchez e Che Cancelo. (Foto: Arxina)
As plataformas contra a pasteira chaman a se mobilizar o 14-D para "freala definitivamente"

O Goberno español está actualmente enfrascado no labor político de despregar a planificación eléctrica no Estado para os vindeiros anos, unha tarefa concretada no plan de desenvolvemento 2025-2030. O pasado 22 de setembro coñecíase que, no marco dese plan, o Executivo estatal denegaba a conexión eléctrica ao proxecto de Altri na Ulloa. A celulosa quedaba así excluída da planificación eléctrica dos vindeiros cinco anos, unha decisión duramente criticada pola propia multinacional e pola Xunta da Galiza, que presentaron alegacións. O movemento contra a pasteira parabenizábase polo rexeitamento da conexión mais xa entón advertía de que había que "mobilizarse" para que esta fose definitiva e, ademais, para lograr que a propia Administración galega e empresa tirasen finalmente a toalla.

O plan de desenvolvemento 2025-2030 está actualmente en fase de alegacións, que rematará o 16 de decembro, dous días despois da mobilización nacional convocada polas plataformas Ulloa Viva, Defensa da Ría de Arousa e Mina de Touro–O Pino Non para pedir, precisamente, un "carpetazo" definitivo para Altri e o seu plan.

Segundo o cronograma do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica, fechado o período de alegacións abrirase a fase de estudos, que duraría dous meses e no que trasladaría todas as consideracións a Rede Eléctrica, quen as analizará para elaborar a Proposta de desenvolvemento, remitíndoa de novo ao Ministerio. De aí a unha nova fase, denominada "de consolidación" e que durará catro meses —aquí, entre outras cuestións, entra a Declaración Ambiental Estratéxica—, após o que se entraría na etapa final, "de aprobación", cando o Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica sería aprobado polo Goberno español, após ser sometido ao Congreso.

As plataformas contra Altri indicaban esta quinta feira, na súa comparecencia para reforzar a mobilización do 14 de decembro, que o anuncio do Goberno español da "desconexión" de Altri "non é un 'non' claro ao proxecto". Entenden que a mobilización social é fundamental e que debe de continuar até que a Xunta da Galiza e a propia empresa abandonen o proxecto de pasteira para Palas de Rei (A Ulloa). O presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, apuntou que Altri contemplaba "alternativas de autoxeración" enerxética para intentar salvar a exclusión da planificación gobernamental,  e que para frear a pasteira "é fundamental" a implicación da sociedade.

Participación

As tres plataformas chamaron a participar na mobilización do domingo 14 de decembro para reclamar "pór fin dunha vez por todas" á "ameaza" da macrocelulosa. Un ano despois da manifestación histórica na que 100.000 persoas percorreron as rúas da capital galega, os colectivos chaman de novo a "colapsar Compostela" fronte a un proxecto que consideran incompatíbel coa saúde ambiental do país e coa continuidade do seu tecido produtivo. Sánchez advertiu de que a cidadanía continúa "preocupada" porque, malia os distintos informes e rexeitamentos emitidos nos últimos meses, a Xunta da Galiza "non dá o carpetazo definitivo" ao proxecto nin garante a "tranquilidade" das comarcas afectadas. 

Desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, o seu presidente, Xaquín Rubido, alertou de que a pasteira sería "a pena capital" para a ría. Rubido subliñou que a situación xa é "crítica" polo abandono das competencias por parte da Xunta en cuestións como o saneamento das rías ou a rexeneración dos bancos marisqueiros, así como pola actitude da Xunta de favorecer "a destrución" do modelo produtivo tradicional para substituílo pola acuicultura industrial.

Lembrou que o proxecto de Altri implicaría verter diariamente 65 toneladas de produtos químicos ao Ulla, así como unha enorme demanda de auga e contaminación térmica a 27ºC, factores que considera incompatíbeis coa supervivencia do marisqueo e do mexillón. "Construír esta planta é sacrificar o tecido produtivo da ría, o sector agrogandeiro e o Camiño de Santiago", reiterou.

Por último, Che Cancelo, voceira da Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro–O Pino, lembrou que o Ulla "é a arteria coronaria que dá oxíxeno ao corazón do país". Para Cancelo, os proxectos de Altri e da mina de Touro constitúen "os maiores perigos ambientais da Galiza actual". A activista denunciou que, mesmo coa antiga mina fechada, continúan a chegar residuos contaminantes á ría de Arousa, e preguntou "quen se beneficia" destes proxectos, concluíndo que non é o pobo galego, senón intereses privados que "levarán a riqueza para fóra e só deixarán contaminación e destrución".

As tres plataformas fixeron un chamamento conxunto á participación "masiva" o 14 de decembro e apelaron á responsabilidade colectiva: "Queremos seguir vivindo neste país e deixar ás nosas fillas e netos un territorio habitábel, sen contaminación e con dignidade".