Mar de Lumes organiza unha palestra sobre o conflito palestino

Contarán coa participación de Faiez Badawi, integrante da Fronte para a Liberación de Palestina. 

O 24 de febreiro, o comité de solidariedade internacionalista Mar de Lumes, organiza unha palestra sobre o conflito palestino e a situación política en Oriente Medio da man de Daiez Badawi, integrante da Fronte para a Liberación de Palestina (FPLP). 

Será na Biblioteca de Marín ás 20 horas nun coloquio no que Mar de Lumes, di, quere abordar a ocupación do territorio palestino por parte do Estado de Israel mais tamén "o exilio de varios millóns de persoas" por esta razón, entre elas o propio Badawi que tivo que fuxir ao Líbano. 

Aliás, afondarán no conflito armado que atinxe a Siria, a represión do pobo curdo na Turquía ou os bombardeos no Iemen por parte de Arabia Saudí. 

En 2014, Sermos Galiza entrevistou Faiez Badawi aproveitando a súa estadía na Galiza, onde residiu durante un tempo. Actualmente mora en Alacant.