Mar de Lumes cumpre 10 anos de internacionalismo galego

Asistentes ao acto de Mar de Lumes en Compostela (Foto: Nós Diario).

 

Mar de Lumes conmemorou este sábado o décimo aniversario da súa fundación. A entidade xuntou perto dun cento de persoas en Compostela para lembrar o traballo desenvolto e anunciar as liñas de actuación do futuro.

Mar de Lumes encheu na mañá de hoxe a sala cultural da Nave de Vidán para lembrar o camiño percorrido nestes 10 anos. O acto congregou a adherentes do colectivo, representantes do tecido social galego e responsábeis dos corpos consulares presentes no país.

A xornada fechouse cunha actuación musical de Roberto Sobrado, antecedida polas intervencións de Erea Blanco e o do membro da coordinadora nacional do colectivo, Óscar Valadares.

Óscar Valadares

Valadares sinalou durante o acto que “Mar de Lumes naceu hai 10 anos como unha aposta para desenvolver traballo internacionalista desde unha perspectiva galega” e indicou que “nós asumimos unha focaxe mais global, de modo a ter a posibilidade de dar resposta ao imperialismo en todas as súas formas e en todos os conflitos que sementa polo mundo”.

O voceiro de mar de Mar de Lumes asegurou que o colectivo “aposta pola autoorganización en chave nacional galega como única forma para que as relacións internacionais que tecemos teñan como destinatario, á volta, o pobo galego”.

O dirixente do colectivo internacionalista lembrou que “Mar de Lumes insírese dentro do campo político do nacionalismo galego e contribúe a completar o programa da autoorganización no ámbito das relacións internacionais”.

A ‘loita contra o imperialismo”

Mar de Lumes sitúa os seus eixos de actuación na “loita contra o imperialismo multiforme e o apoio aos procesos de emancipación nacional e social dos pobos do mundo”, ao entendelos como “cara e coroa da mesma moeda”.

A entidade considera que “a loita pola soberanía está hoxe a por en causa a orde imperialista de maneiras novas e con mais capacidade que nunca desde hai décadas”. Neste sentido, opina que que “fórmulas como os BRICS, a OCS ou as novas estratexias de comercio bilateral que prescinden do dólar deben ser exploradas”.

O entidade internacionalista observa con atención as “ mudanzas que se operan no escenario mundial a medida que o poder omnipresente dos Estados Unidos e dos seus principais aliados, o Reino Unido e a Unión Europea, comeza a se debilitar e aparecen outros axentes a reivindicaren unha abertura multipolar”.