Mar de Lumes convoca dúas mobilizacións en Ferrol en apoio a Bruno Lopes, tras ser denunciando pola Garda Civil

Mar de lumes e colectivos e entidades este 15 de xaneiro na rolda de prensa en apoio a Bruno Lopes (Foto: Ana Loureiro)

O comité galego de solidariedade internacional denuncia unha “persecución política” tras a imputación por delitos de odio do activista Bruno Lopes Teixeiro, derivada duns chíos críticos co Estado de Israel, e anuncia concentracións os días 25 de febreiro e 10 de marzo coincidindo coa súa citación xudicial.

O comité galego de solidariedade internacional Mar de Lumes vén de anunciar dúas manifestacións en apoio ao activista Bruno Lopes Teixeiro ante a denuncia estabelecida de oficio pola brigada de información da Garda Civil pola publicación de Lopes de até oito chíos contra o Estado xenocida de Israel.

Así, ao activista acúsano de delitos de odio. Unhas acusacións que desde Mar de Lumes consideran que “carecen de fundamento e que se tratan dunha acusación infundada” que, segundo explican, buscan penar “opinións lexitimas”. Nesta mesma liña, Lopes aproveitou para indicar que “o obxecto da denuncia é facer pasar o antisionismo por antisemitismo”, argumentando que as súas publicacións constituían unha “crítica ao sionismo como ideoloxía política e ao Estado de Israel como suxeito de Dereito Internacional”, mais non a unha persoa ou colectivo en particular e que, por tanto, non producen incitación ao odio.

A maiores, Lopes sostivo que organismos internacionais, relatores e xuristas instan xa a diferenciar delitos de odio contra as persoas e a crítica lexítima aos estados, estendendo tamén que os seus comentarios constitúen unha posición “partillada por millóns de xudeus antisemitas”.

Defender o dereito na rúa

A primeira das manifestacións terá lugar en Ferrol o día 25 de febreiro ás 12 horas na praza Amada García. A maiores, o colectivo prevé outra concentración o día 10 de marzo ás 10 horas, data na que Lopes declarará no Xulgado de Instrución Número 1 de Ferrol para defender a súa inocencia ante os delitos de odio dos que se lle acusa.

Desde Mar de Lumes ven esta denuncia como un intento das autoridades de levar a cabo unha política de persecución. Así, considérana un “aviso a navegantes” para pór trabas á loita antisionista. Ao mesmo tempo, Mar de Lumes critica tamén que “o Estado español teña forzas policiais a monitorear perfís privados de activistas que se opoñen a este xenocidio”. Máis aínda cando existen “perfís sionistas que non son denunciados”. “Somos as activistas as que pasamos polos xulgados”, lamentou Lopes.

Da mesma forma, desde a organización argumentan que esta non é a única causa aberta como consecuencia do traballo activista en defensa de Palestina, destacando as causa contra as causas contra os manifestantes que participaron na Volta Ciclista.

Malia todo, defenden que continuarán dando seguimento a estes casos de “represión” para que, como din, “estas inxurias constitúan unha oportunidade para seguir defendendo a causa Palestina”.

Con todo, desde Mar de Lumes entenden que esta denuncia “abre a porta a unha perigosa restrición a denunciar violacións dos dereitos humanos” e reclaman que “a solidariedade non é delito”. Neste sentido, desde a organización lembran que “miles de persoas da Galiza rexeitamos a existencia dun Estado xenocida e levamos manifestándonos e saínda ás rúas desde outubro de 2023 con máis de 1.300 manifestacións”. En relación a isto, critican que desde o “cuestionábel acordo de paz” se veñan producindo, segundo o definiron, “máis de tres meses de apagamento informativo” e avanzaron que eles seguirán “falando de Palestina nas rúas”.

Finalmente, Mar de Lumes quixo agradecer a iniciativa parlamentar do deputado no estado español polo BNG, Néstor Rego, para solicitar explicacións ante esta denuncia e avanzaron que “confían” en que o percorrido de recurso xudicial “sexa moi curto e non pase do dez de marzo”.