O maquinista volta a ser o único imputado polo sinistro ferroviario de Angrois

A Audiencia Provincial levantoulle a imputación aos 12 ex-cargos de ADIF. Unha decisión que dá 'carpetazo' á liña de investigación que apuntaba responsabilidades dos organismos do Estado. 

 

A Audiencia Provincial da Coruña deixou sen efecto a imputación ás 12 persoas que formaban parte da cúpula do administrador de infraestruturas ferroviarias (Adif) no momento da inauguración do tramo Ourense-Compostela, liña na que tivo lugar o sinistro ferroviario de Angrois no que morreron 79 persoas.

O auto que vén de ser notificado ás partes deixa sen efecto todas as imputacións agás a do maquinista do tren Alvia, que así volve ser o único imputado na causa que actualmente instrúe o xuíz Andrés Lago, que tomou o relevo de Alaéz, que foi quen imputou a eses cargos. En todos estes meses, estes ex-cargos non chegaron declarar perante o xuíz aducindo diversas xustificacións e desculpas. Os maxistrados pronúncianse con esta resolución a favor dos recursos interpostos pola Avogacía do Estado e Fiscalía.

Así pois, a Audiencia bota abaixo a liña de investigación que impulsara o xuíz Aláez e sitúa a Francisco José Garzón, o maquinista, como único responsábel da traxedia, e ao que acusan de homicidio imprudente.