Xuízo do Alvia

O avogado do maquinista do Alvia sinistrado en Angrois acusa Renfe de "pasar do seu empregado"

O avogado Manuel Prieto e o maquinista do Alvia sinistrado, Francisco Garzón. (Foto: Europa Press)
O dispositivo policial foi mudado para evitar novas agresións ao outro acusado, o ex director de Seguridade de Adif.

O maquinista do Alvia accidentado en Angrois o 24 de xullo de 2013, Francisco Garzón, só responderá as preguntas do seu avogado, Manuel Prieto, segundo el mesmo anunciou antes do comezo da segunda xornada do xuízo.

Antes do comezo da segunda xornada do xuízo, Prieto atendeu aos medios de comunicación para avanzar que o seu defendido non responderá ás cuestións formuladas pola xuíza e polo Ministerio Fiscal.

"Espero que sexa capaz de explicar ben de todo o que pasou no tren, de todo o que pasou no accidente, de todo o que pasou no hospital, (...). Espero que se explique para que todo o mundo o entenda", sinalou.

Prieto aproveitou para cualificar como "indignante" a actitude de Renfe de cara ao seu defendido. O letrado criticou que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) está “implicado” na defensa do outro acusado, o ex director de Seguridade no momento do sinistro, Andrés Cortabitarte, mentres Renfe "pasa" de Garzón a pesar de ser o seu "empregado".

O avogado do maquinista lembrou o convenio polo cal Renfe paga "125.000 euros ao ano" á Avogacía do Estado, pero a operadora pública "permite que (Adif) lle pida como danos 1.400.000 euros e pida a condena para un empregado".

Segunda xornada do xuízo

Segundo avanzou Manuel Prieto nas súas declaracións ante a prensa, está previsto que esta quinta feira declare, ademais do seu cliente, o propio Andrés Cortabitarte.

Precisamente, o dispositivo policial foi modificado para esta segunda xornada do xuízo co obxectivo de tratar de incrementar a seguridade e evitar que se vivan incidentes semellantes aos de onte, cando o pai dunha falecida no accidente golpeou o ex alto cargo de Adif á saída da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.