Iniciativa da Escola de Traballo Social

Mapas corporais para unha intervención social eficaz

Un dos mapas corporais elaborados polo alumnado

A investigadora e profesora da Escola Universitaria de Traballo Social da Universidade de Santiago de Compostela, Lorena Añón, aplica no eido da docencia a experiencia dos mapas corporais que a sudafricana Jane Solomon introducira hai máis de dúas décadas como método terapéutico para persoas con VIH.

Unha das finalidades da docencia e da súa aplicación práctica nun campo profesional concreto é achegar novas metolodoxías ou técnicas para un actuación máis eficaz. Trátase, en definitiva, de mellorar as ferramentas, ou buscar outras novas, para unha intervención máis efectiva. O ámbito do Traballo Social é, por suposto, un deles. E non hai que ir moi lonxe. Na Escola Universitaria de Traballo Social da USC, a investigadora e profesora Lorena Añón vén de introducir, con todas as adaptacións precisas, a experiencia previa das caixas da memoria do sudafricano Jonathan Morgan que logo reformulara en mapas corporais Jane Solomon como método terapéutico para persoas con sida. 

En esencia, os mapas corporais pretenden fomentar a reflexión a través dun proceso narrativo. Aínda que primeiro se empregou en persoas con VIH, esta ferramenta foi adaptada polas doutoras Denise Gastaldo e Lilian Magalhães na súa investigación con persoas traballadoras latinoamericanas en situación administrativa irregular en Toronto co obxectivo de explorar as consecuencias que isto provocaba na súa saúde. “Créanse imaxes do corpo humano a tamaño real”, explica Añón a Sermos Galiza, “a través de diferentes técnicas artísticas que permiten representar visualmente aspectos da vida das persoas, os seus corpos e o mundo no que viven mediante símbolos con significados diferentes. É unha metoloxía que permite contar historias, ao xeito dos tótems”.

A evolución do mapeo corporal non parou aí e en 2014 presenta un novo fito, desta volta no ámbito socionitario. Á equipa investigadora de Magalhães e Gastaldo uniuse a doutora da UDC Natalia Rivas Quarneti, con financiamento da Fundación Barrié para colaborar como investigadora predoutoral neste estudo en Ontario, e da Universidade da Coruña, para concluír o estudo, xa como investigadora posdoutoral, en 2016. E, posteriormente, a propia Natalia Rivas, canda Rebecca Swenson e Gail Eva, adaptan a metodoloxía nunha universidade de Reino Unido para o seu emprego como actividade pedagóxica co fin de abordar o xénero e as inequidades relacionadas con este nas ciencias sociosanitarias, en concreto na práctica da terapia ocupacional.

De volta en Galiza, Natalia Rivas e Lorena Añón adaptan esta actividade docente para o seu uso co obxectivo de contribuir á reflexión sobre o xénero nas realidades sociosanitarias e explorar o seu impacto na práctica profesional. E, finalmente, a propia Añón decide aplicala á materia de Traballo Social e Xénero cun obxectivo: reflexionar sobre a complexidade e a influencia do sistema sexo-xénero en cada persoa, así como ver as súas implicacións nas intervencións desde a disciplina do Traballo Social.

“Propuxen unha historia breve nunha linguaxe neutra, inclusiva, sen asignación de identidades e o alumnado, distribuído en equipas, reflexionou sobre a postura corporal da persoa referenciada, sobre o seu día a día, para construír o mapa corporal. En base ao construído, as alumnas e alumnos trataron a cuestión dos roles e os estereotipos de xénero”, relata a profesora a Sermos Galiza. 

“Os resultados”, indica Añón, “foron moi positivos; dunha banda, provocamos o pensamento; da outra, enlazamos coa práctica. Foi un proceso moi creativo e motivador para o alumnado, que abordou dun xeito autocrítico as dificultades que temos para nos saír da normatividade”, engade antes de anunciar que, xunto con Natalia Rivas, están a preparar un traballo que en breve verá a luz nunha publicación internacional.

“É fundamental ter un trato humano coas persoas, escoitar desde unha mirada atenta, respectuosa, fomentando a súa autonomía, e a súa participación no seu propio proceso de cambio”, relata. “As persoas non só temos dificultades, tamén temos capacidades, fortalezas e habilidades que deben ser postas en valor.  En ocasións, intervimos dende o negativo, pero o enfoque debe mudar e centrarse nas fortalezas e nas capacidades. As persoas coas que intervimos son as expertas das súas propias vidas, nos non somos quen para lles dicir o que deben ou non facer. Non debemos fiscalizar as súas vidas. O acompañamento é básico, así como escoitar desde o corazón, con todos os sentidos, dar luz a todo o que levan dentro e que por mor das circunstancias (políticas, económicas, culturais, sociais, familiares, persoais) en ocasións non chegan a ver. Temos a responsabilidade dende a disciplina do traballo social de visibilizar prácticas opresoras, realidades múltiples que están invisibilizadas, analizalas desde un marco interpretativo feminista e interseccional para xerar alternativas que contribúan a unha sociedade máis igualitaria en termos de dereitos e máis xusta redistributivamente e representativamente. Por iso, penso que a metodoloxía dos mapas corporais narrativos contribúe a estudar, analizar e intervir desde este paradigma que busca a emancipación”, subliña. 

Ao fío desta primeira experiencia docente, a profesora resalta as calidades dos mapas corporais polo feito de que “permiten facer autocrítica, empatizar, reflexionar sobre as nosas construcións sociais en base o sistema sexo-xénero, sobre as desigualdades, e sobre as intervencións como futuros e futuras traballadoras sociais, así como aplicar a teoría á práctica desde un enfoque integral e creativo, adquirindo competencias para estudar, analizar e intervir dende un marco interpretativo feminista. Tamén facilita a adquisición de competencias de carácter transversal como traballar en equipo, tomar decisións, traballar coas intelixencias múltiples, etc”.

Eva Morales é unha das alumnas que participou nesta actividade. Destaca que “no proceso fomos achegando unha parte das nosas propias vivencias e reflexionamos sobre os prexuízos que nos veñen impostos e dos que moitas veces non somos nin conscientes” e que, focalizado cara ao seu futuro profesional, esta experiencia “é unha boa ferramenta para non dar nada por sentado, e para non nos pechar en estereotipos e valores que poden non ser compartidos coa persoa coa que traballamos”.

Iago Aperador comparte esta reflexión: “Coincido na importancia de non dar nada por sentado e non levar as túas propias experiencias a un caso que se che presente no teu traballo. Unha pode estar influída pola súa propia vivencia, mais o importante é a vivencia da persoa usuaria. Para min, estes mapeos corporais abren unha nova forma de formular unha intervención. A meirande parte da sociedade pensa que esta profesión consiste en cubrir papeis, pero para nós é fundamental explorar novas metodoloxías que superen as que se veñen aplicando desde hai máis de trinta anos”.