Un mapa interactivo informa da evolución da Covid-19 na raia

Mapa interactivo na páxina web da AECT Río Miño. (Foto: AECT)
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño crea un mapa interactivo que permitirá á cidadanía coñecer de maneira conxunta a evolución da pandemia nos concellos da raia

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño vén de habilitar na súa páxina web un mapa interactivo que permitirá á cidadanía coñecer de maneira conxunta a evolución da pandemia nos 26 concellos galegos e portugueses que forman parte do territorio miñoto. O “Covid-Miño” informa da situación epidemiolóxica de cada un dos municipios así como das medidas que os respectivos Gobernos aplican en ambos os lados da fronteira. 

Esta ferramenta, impulsada pola Deputación de Pontevedra a través do Departamento de Cooperación Transfronteiriza, “xorde nun momento no que a poboación precisa de información veraz e unificada sobre a complicada situación provocada ante o espallamento do virus e sobre as distintas medidas que se están a aplicar a ambos os lados da raia”, destacou onte o responsábel do departamento e vicedirector da AECT Río Miño, Uxío Benítez. 

A información da plataforma baséase nas fontes oficiais do Sergas e da Unidade Local de Saúde do Alto Minho (USLAM) e permite “comparar de maneira intuitiva” as situacións en ambas as ribeiras, xa que aplica unha mesma escala de cores ás incidencias acumuladas de cada municipio.

Ademais, a web achega tamén diferentes medidas decretadas polos respectivos Gobernos sobre cuestións como a mobilidade laboral, fechamentos perimetrais, réxime de apertura da hostalaría e restauración, comercio e outras consideracións socio-sanitarias de interese para a veciñanza do territorio miñoto.

O anuncio da aplicación coincide no tempo coa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da prórroga até o 1 de marzo dos controis na fronteira terrestre con Portugal. A respecto desta cuestión, o nacionalista Benítez manifestou que “xa pensabamos que ía acontecer isto pola información que tiñamos”. 

O vicedirector do AECT Río Miño subliñou que “o que nos consta é que os Gobernos están negociando para ver que pasos fronteirizos van manter para o tránsito das persoas traballadoras e nese sentido nós queremos ser optimistas”, polo que agarda que “se produza a apertura de máis pasos”.

Benítez salientou que, de non ser así, “alcaldesas e alcaldes e presidentes de cámara do territorio miñoto volverán reunirse e tomarán medidas ao respecto”.